Éxito dos taekwondistas pontevedreses no Nacional júnior de taekwondo
Por Redacción
Catorce medallas. É o botín que acadou os deportistas galegos no campionato de España júnior de taekwondo, que se disputou este sábado en Córdoba. Entre elas, destacaron as medallas que conseguiron os representantes da comarca de Pontevedra: o ouro que logrou Arlet Ortiz e os bronces de Unai Silva, Iván Rodríguez e Catia García.
Na categoría feminina de -52 quilogramos, Arlet Ortiz (Mat's Marín) defendía o título do pasado ano e volveu estar a un nivel excepcional.
No primeiro combate venceu á representante de Euskadi Onintze Carrasco por 10-0, nun combate que foi máis complicado do que o resultado mostra. No segundo fronte a Judit Merlosen (Cataluña) a galega xa tivo mellores sensacións e venceu por 17-5.
A semifinal foi contra Lorena Macía (Valencia), nun combate máis parado, xa que a rival tiña máis envergadura que Arlet e iso dificultaba o seu traballo (6-2). A final foi contra a galega Alma Pérez (Suh Sport) e foi a loita máis apertada (3-2), xa que ambas se coñecenáa perfección. A pesar diso, Arlet logrou puntuar arriba no primeiro asalto e sempre foi por diante.
A súa compañeira de equipo, Catia García, colgou a medalla de bronce na categoría de -63 quilogramos. Venceu con rotundidade a Laura Muñoz (Castela a Mancha) por 15-1 e posteriormente a Mar Machi (Valencia) por 8-0 nos cuartos de final. Nas semifinais, caeu contra a madrileña Leyre Zugazaga por 4-3.
En -68 quilogramos, Unai Silva (Mace Sport) sumou unha medalla de bronce, tras gañar en dous combates. No primeiro venceu a Juan Alonso (Asturias) por 27-11; no segundo a Sergio Samaniego (Andalucía) por 17-2. Caeu na semifinal nun axustadísimo combate contra Antoni Bauzá (14-15).
Iván Rodríguez (Taekanart) tamén foi bronce en -73 quilogramos. Tivo que vencer en dous combates para garantir a medalla. Superou no primeiro a Iker Benedicto (Aragón) nun axustado combate (13-12) e no segundo ao andaluz Francisco García por 17-9. Na loita por meterse na final, perdeu ante Gabriel Delgado (Canarias).
Relacionadas:
-
Unai Silva saca o billete para o Mundial Junior de Taekwondo
Por Redacción |
-
Arlet Ortiz e Unai Silva, ouro e prata no prestixioso Open de Holanda de taekwondo
Por Redacción |
-
Sara Cortegoso, cun ouro, lidera á armada pontevedresa no Nacional Absoluto de Taekwondo
Por Redacción |
-
Arlet Ortiz e Pablo Fernández, mellores deportistas do ano en Marín
Por Redacción |
-
Recepción municipal ao Mace Sport polo seu recente éxito no Campionato de España de Taekwondo
Por Redacción |