Deputación repartirá 775.000 euros entre os clubes que compiten a nivel nacional
Por Redacción
Un total de 775.000 euros. É a contía das axudas que a Deputación de Pontevedra repartirá entre os clubs deportivos da provincia de Pontevedra que participen en competicións federadas de ámbito nacional no ano 2018.
Esta convocatoria está destinada a clubs federados da provincia de Pontevedra de ámbito nacional que teñan polo menos un equipo participante na categoría sénior, así como aos clubs que participen na Terceira División de fútbol, esta última só de ámbito galego.
Estas subvencións teñen como obxectivo específico apoiar a súa participación en ligas e competicións oficiais de ámbito nacional convocadas por organismos ou federacións deportivas galegas ou españolas nas modalidades deportivas con implantación na provincia de Pontevedra.
Os cartos serán repartidos da seguinte maneira: atletismo, 24.500 euros; bádminton, 13.000 euros; baloncesto, 125.000 euros; balonmán, 205.500 euros; béisbol, 7.000 euros; ciclismo, 80.000 euros; fútbol, 136.000 euros; fútbol sala, 26.000 euros; rugby, 16.500 euros; tenis de mesa, 17.500 euros; voleibol, 33.000 euros, e outras modalidades, 66.000 euros.
Estas subvencións, segundo Carmela Silva, súmanse aos 600.000 euros das axudas para clubs federados da provincia que participan en categoría inferior a nacional, aprobadas en Xunta de Goberno o pasado 19 de xaneiro.
Antes estas axudas "dábanse a dedo", engadiu a presidenta, pero a Deputación aposta por repartilas "en réxime de concorrencia competitiva" tendo en conta para a súa adxudicación o nivel de competición, o número de licenzas federativas, o número de equipos participantes por categoría na actual temporada, o número de equipos en categorías base, que os clubs compitan con licenzas masculinas e femininas ou con diversidade funcional e o orzamento.
O prazo para presentar as solicitudes comezará ao día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e rematará o día 2 de abril.