O Teucro, aínda sen Balázquez, visita a un necesitado Puerto Sagunto
Por Diego Espiño
Por segunda xornada consecutiva a Sociedad Deportiva Teucro percorre quilómetros para afrontar fóra da casa unha nova xornada da Liga Asobal, cita na que podería deixar case sentenciada a súa permanencia na máxima categoría.
Sería así en caso de vitoria este sábado (18:30 horas) na cancha do Puerto Sagunto, equipo ao que avantaxa en 8 puntos e que ocupa actualmente o primeiro dos postos de descenso. Pero iso é unha arma de dobre fío, xa que a necesidade fai que os azuis esperen un rival co coitelo entre os dentes.
"Esta semana allí estarán hablando de final", recoñece Quique Domínguez con todo o que iso implica e un ambiente que se espera hostil desde o punto de vista deportivo.
"Es verdad que venimos de conseguir la primera victoria fuera, pero el partido va a ser muy diferente en cuanto ambiente y la intensidad que intentarán imponer", explicou o técnico pontevedrés antes de partir á primeira hora deste venres cara a terras valencianas.
Non viaxa aínda na expedición teucrista Yoan Balázquez, na fase final de recuperación da escordadura de xeonllo que se produciu ante Anaitasuna e ao que non se quixo forzar. A intención do club pasa porque poida estar en condicións de estar co equipo o luns na volta aos adestramentos pensando na ida a eliminatoria de cuarta rolda da Copa do Rei ante o Guadalajara que terá o seu primeiro envite o vindeiro mércores 7 de marzo en Pontevedra.
O equipo dos azuis volve ser de circunstancias, xa que seguen fóra por lesión Carlos García e Óscar Silva, ademais de José Manuel Rial, pero iso non mina a moral teucrista tras demostrar en Granollers que o equipo "es capaz de ganar sin Balázquez", declarou Quique Domínguez.
O Puerto Sagunto pola súa banda, que en 2018 só sumou un punto (empate ante o Zamora), afronta a cita con todo o plantel dispoñible.
A parella de colexiados andaluza formada por Fernández Murillo e Molina Castro serán os encargados de dirixir o encontro entre Puerto Sagunto e Teucro correspondente á vixésima xornada da Liga Asobal.
Relacionadas:
-
O Teucro acusa as baixas e dá vida ao Puerto Sagunto (25-21)
Por Redacción |
-
Badalada do Teucro en Granollers (26-28)
Por Redacción |
-
O xeonllo de Yoan Balázquez mantén en albas ao teucrismo
Por Diego Espiño |
-
O Teucro loita contra as adversidades pero cae nun cruel final ante o Anaitasuna (19-20)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |