Seis xornadas de infarto para tentar evitar o descenso a Terceira División
Por Diego Espiño
O final de liga na Segunda División B non será apto para cardíacos. A igualdade é máxima na parte baixa da táboa na pelexa por evitar a caída a Terceira División, loita na que está inmerso un Pontevedra que foi un dos grandes beneficiados na última xornada a pesar de continuar na zona de descenso.
Os granates, co seu triunfo ante o Talavera e os tropezos dos seus principais rivais (só a Segoviana gañou tamén do últimos dez clasificados) colocouse empatado a puntos (34) co Toledo na praza de play-out, co average perdido, e a dous da permanencia que marca o Valladolid B, aínda que máis equipos, principalmente ata o undécimo debido a que ocupa o Unión Adarve (41 puntos) están inmersos na pelexa.
Con este panorama, os moitos duelos directos que afrontarán os conxuntos da zona baixa resultarán decisivos nas próximas semanas. Neste aspecto o Pontevedra conta cun dos calendarios, a priori, máis alcanzables, pero xogará as súas opción en duelos a vida ou morte cos seus principais rivais pola permanencia, co engadido de que catro dos seus seis encontros xogaraos lonxe do Estadio Municipal de Pasarón, onde fraqueou ao longo de toda a tempada. De feito o equipo que agora adestra Luismi é o peor visitante do grupo (6 puntos), polo que se fai imprescindible deixar atrás canto antes esta estatística.
A próxima xornada ante o Navalcarnero, a domicilio, será o duelo dos que restan cun rival de mellor clasificación (4º). Despois os granates recibirán ao Guijuelo (13º a 5 puntos) e afrontarán dous encontros fóra de casa de maneira consecutiva ante Valladolid B (15º a 2 puntos) e Gimnástica Segoviana (19º con 2 puntos menos). Superada esta fase o último choque en Pasarón será ante o Unión Adarve (11º a 7 puntos) e a liga pecharase visitando ao filial do Atlético de Madrid (7º).
Dos rivais directos, tanto Racing de Ferrol como Toledo deben aínda enfrontarse ao líder, o Rayo Majadahonda, e o Racing ademais visitará o campo do Fuenlabrada, segundo clasificado, contra quen tamén se enfrontará o Coruxo.
En canto aos duelos entre equipos implicados no descenso, aínda deben disputarse partidos como o Ferrol-Toledo, Valladolid B- Guijuelo, Segoviana-Valladolid B, Toledo-Coruxo, Ferrol-Valladolid B, Segoviana-Adarve ou Guijuelo-Adarve. Moitos puntos que poden facer variar o panorama actual.
Un indicativo de como chegan os equipos á parte decisiva da tempada pode verse na xeira de puntos do últimos cinco encontros, e aí o equipo máis en forma é o Valladolid B (11 puntos), que ademais acumula ata 10 xornadas sen perder, polos 8 conseguidos polo Racing de Ferrol, os 7 do Coruxo, os 6 da Segoviana, 5 do Pontevedra, 4 do Toledo e os só 3 do Guijuelo, que a pesar de contar aínda con 5 puntos de marxe sobre o descenso acumula catro derrotas consecutivas e é o que máis duelos directos debe afrontar ata o final da competición regular (Valladolid B, Pontevedra, Segoviana e Adarve).
DAVID CASTRO, SANCIONADO
O Pontevedra, que entre semana afrontará a ida da final de Copa Federación en Ontinyent, contará coa baixa en liga dun dos futbolistas que se destacaron como habituais nas aliñacións de Luismi, a de David Castro.
O defensor cuntiense viu ante o Talavera o seu quinto cartón amarelo da competición e deberá cumprir un encontro de sanción.
Relacionadas:
-
Os nenos ingresados no Hospital Provincial reciben a visita dos xogadores do Pontevedra
Por Redacción |
-
Jimmy e o seu calvario coas lesións
Por Diego Espiño |
-
Álex González pon en vantaxe o Pontevedra na final da Copa Federación (0-1)
Por Redacción |
-
A Copa Federación empézase a decidir en Ontinyent
Por Diego Espiño |
-
O porteiro do Pontevedra Jorge Carrillo, convocado pola Selección Española Sub-16
Por Redacción |
-
Goleada para a esperanza do Pontevedra sobre o Talavera (4-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |