Derrota clara para o Teucro nun descafeinado partido ante o Logroño (23-33)
Por Diego Espiño
Clara derrota a encaixada pola Sociedad Deportiva Teucro no Municipal ante o Logroño (23-33) nun encontro no que se viron superados polo alto ritmo do seu rival e as súas rápidas transicións. Os erros en ataque permitiron correr aos rioxanos e non o desaproveitaron, da man dun Ángel Fernández que foi todo un pesadelo con 12 tantos, a maioría en contraataque.
O encontro comezou con dous rápidos goles de Yoan Balázquez nos primeiros ataques teucristas. Todo parecía indicar que os azuis saían enchufados e dispostos a pelexarlle os puntos a un dos equipos máis en forma da competición, pero foi un espellismo. Como un auténtico ciclón, os de Jota González empezaron a impoñer o seu xogo. A súa defensa facía aos pontevedreses cometer erros que se convertían en goles rápidos. O resultado foi un parcial de 1-10 (3-10, minuto 19) do que o Teucro non conseguiu recuperarse.
Non foi ata os últimos minutos do primeiro tempo cando os locais tomaron un pouco de aire con tres goles consecutivos, pero o Logroño devolveu o golpe para chegar ao intermedio con +7 (8-15).
Quizais non parecía o día dos de Quique Domínguez, que vían como de saída no inicio do segundo tempo o seu rival poñía a máxima ata entón no marcador con dous rápidos tantos, pero se algo caracteriza aos teucristas esta campaña é que seguen remando a pesar da adversidade en busca dunha oportunidade, reflectida nun parcial de 5-0 que lles metía no choque e facía pensar en que a remontada era posible (13-17).
Chegou a ter balón o equipo para poñerse a tres, pero dúas perdas consecutivas en ataque permitiron plácidas contras que devolvían unha cómoda renda aos visitantes. A partir de entón os rioxanos controlaron os tempos cos azuis a 5 e 6 goles ata a estirada final, na que sentenciaron para levar os puntos do Municipal.
Foi un encontro descafeinado, con menos público do habitual nas bancadas, tras unha semana na que a gripe fixo dano e no que nada saíu, pero si houbo unha noticia positiva para os locais, a volta ás pistas de xogo de Óscar Silva, lesionado no primeiro partido de liga na casa e que levou a ovación da noite. A permanencia, que segue ao alcance, terá que esperar un pouco máis.
SD TEUCRO (23): Santana, Borja Méndez (5), Balázquez (3), Juan Quintas (1), Carlos García (2p), Dani Hernández (2), Ángel Iglesias (3) -siete inicial- Medina, Moyano (4), Iván Fernández, Samu Gómez (2), De Castro (1), Edu Moledo, Gehrhard, Óscar Silva, Lloria.
BM LOGROÑO (33): Gurutz Aguinagalde, Sánchez-Migallón (2), Javier Muñoz (3p), Garabaya (1), Kukic, Ángel Fernández (12), Garciandia (7) -siete inicial- Kusan, Juan Castro (3), Chiuffa (3), Del Arco (2), Cadarso, Krupa.
Árbitros: Peñaranda Ortega e Yagüe Moros (Aragón). Excluíron a Dani Hernández, Iván Fernández, Medina e Juan Quintas no Teucro e a Kusan e Garabaya no Logroño.
Marcador cada cinco minutos: 2-3, 3-6, 3-7, 4-10, 6-11, 8-15, descanso, 12-17, 14-19, 18-24, 20-27, 22-30, 23-33.
Incidencias: Partido da xornada 25 da Liga Asobal de balonmán disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante ao redor de 400 espectadores. Ao comezo do choque o Teucro entregou un obsequio ao campión do Europa Ángel Fernández, e no descanso rendeuse homenaxe ao equipo infantil feminino, campión galego.
Relacionadas:
-
O Teucro cae en Valladolid nun bo partido (31-29) pero ve máis preto a permanencia
Por Redacción |
-
O Teucro, preparado para "dar batalla" en Valladolid
Por Diego Espiño |
-
Dificultade "máxima" para o Teucro ante o BM Logroño
Por Diego Espiño |
-
Enorme vitoria do Teucro en Benidorm (28-29) para certificar virtualmente a permanencia
Por Redacción |