A secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez, estivo este luns no programa La Trastienda, de PontevedraViva Radio, para repasar a actualidade do deporte galego e pontevedrés.
A máxima responsable do deporte autonómico valorou o ano e medio que leva no cargo, repasou pola súa carreira deportiva, os programas que impulsa a Secretaría Xeral como a iniciativa 'Eu son DGAN' para deportistas de alto nivel ou unha nova regulación para o deporte galego.
Míguez recoñeceu ademais que Pontevedra "é unha idade que respira deporte", na que xoga un papel destacado o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, onde se preparan as grandes promesas autonómicas e que presume de ter formado a varios medallistas olímpicos.
"Costa mantelo e toda a inversión que se fai aí, dous millóns de euros, da froito", asegurou, aínda que descartando grandes investimentos nun futuro próximo ou ampliacións para centrarse nas especialidades deportivas que xa teñen incluídas no seu programa e para as que as instalacións están preparadas tentando " non abarcar moito máis".
"Non hai ningún estudio nin nada pendiente de facer senón que estamos no momento de rendibilizar o que hai", mantivo a secretaria xeral para o Deporte sobre o CGTD.
Por outra banda Marta Míguez referiuse ao cobro de taxas aos clubs deportivos da cidade que adestran e disputan as súas competicións no Centro de Tecnificación, sinalando que a súa implantación "non é unha cousa que teñamos que facer xa", aínda que a lei de taxas da Comunidade Autónoma de Galicia así o establece.
"Xa tiña que haber, e o normal é que haxa unhas taxas para todas as instalacións públicas", reiterou a dirixente, aínda que desde a Xunta "tampouco temos interese en perxudicar a ninguén" ante a falta de pistas na cidade ata que se constrúa o prometido pavillón da Parda, asegurou, polo que "chegados ao punto van ser avisados con antelación", en alusión especialmente aos clubs como o Cisne ou o Arxil, ademais do Voleibol Pontevedra, que esta tempada viron limitado o seu uso do pavillón durante a semana pola instalación de pistas de bádminton e que tiveron que sufragar a contratación de persoal para montar e desmontar a superficie de xogo.
"Nós temos que ter como preferencia á xente que temos becada aí porque lles estamos pagando as becas, entonces o bádminton ten preferencia con respecto aos outros dous deportes", mantivo Míguez, aínda que "non creo que sexa un trato desfavorable nin un mal trato" o que actualmente se mantén cos clubs, reiterou.