Ciclismo en estado puro na segunda edición da 4 Picos Road
Por Redacción & Diego Torrado
Sol, boa temperatura e mellor compañía. Con eses ingredientes era difícil que a Pontevedra 4 Picos Road Clásica Evaristo Portela saíse mal.
Ata 745 ciclistas estaban inscritos na segunda edición da marcha cicloturista, na que acaparou boa parte dos focos Miguel Indurain, pentacampión do Tour de Francia e padriño nesta ocasión do evento.
Indurain, o homenaxeado Evaristo Portela e o resto de participantes tomaron a saída ás 9:00 horas desde a Avenida Montero Ríos para afrontar un esixente pero bonito percorrido, no que figuraban ata 4 ascensións desde as que gozar da mellor paisaxe das Rías Baixas.
En total, para os que optaron pola opción longa (podían completarse dúas, tres ou catro picos), eran 120 quilómetros de percorrido con 2.593 metros de desnivel acumulado positivo, pasando polos altos do Lago de Castiñeiras, o Miradoiro de Morañó en Campo Lameiro, Monte Acibal e o Monte Castrove.
Unha carreira para gozar da paixón pola bicicleta que demostrou este domingo a súa boa saúde e que promete volver pronto.