As carrilanas volverán rodar pola carballeira de San Xusto
Por Redacción
A carballeira de San Xusto será o escenario no que se desenvolva, este sábado 7 de xullo, a segunda edición da baixada de carrilanas.
Esta proba está organizada polo Concello e conta coa colaboración da comisión de festas de San Xusto e San Pastor e da Federación Galega de Deportes de Inercia.
As persoas interesadas en participar xa poden formalizar a súa inscrición, que se poderá realizar no Concello de Cerdedo-Cotobade ou na federación e que ten un custe de 20 euros. A inscrición permanecerá aberta ata as 15.00 horas, xusto unha hora antes da competición.
A baixada desenvolverase nun espectacular treito de 1.200 metros, que vén de ser ampliado con respecto ao percorrido da primeira edición fixado en 500 metros. Desta volta, os participantes realizarán un descenso desde o cruce coa estrada N-541 ata a contorna da carballeira de San Xusto.
A competición cotobadesa, que está incluída no campionato galego, contará cun total de nove categorías, na que tamén aparece a de mellores pilotos locais.
Jorge Cubela amosouse convencido de que esta carreira "vai volver a ser un gran éxito, como xa foi o ano pasado" e quixo agradecer o traballo dos veciños en toda a organización e o seu inxenio "por apostar por actividades novidosas que achegarán moita xente ata o municipio".