A carreira +10 Marín, a por un récord de participación
Por Redacción
Máis de 600 corredores xa están apuntados para participar na sétima edición da proba +10 Marín Manuel Rosales, tanto na carreira popular como no campionato galego. A cifra implica que a organización etá moi próxima a superar o récord de 700 participantes do ano pasado.
Entre os atletas que xa confirmaron a súa presenza para a cita deportiva, que está prevista para o sábado 28 de xullo ás 22.00 horas, figuran Pedro Nimo, Paula Mayobre, Leticia Fernández ou a recentemente segunda clasificada de España en 5.000 metros, Esther Navarrete.
A +10 Marín este ano conta coa novidade de ser tamén Campionato galego de 10 quilómetros ruta. Os participantes en ambas as probas terán por diante unha carreira moi rápida con saída desde a alameda e collerán a avenida de Ourense en sentido a Bueu ata a Escola Naval.
Tras entrar nas instalacións militares, irán ata o espigón e sairán da escola. O circuíto segue pola gasolineira, o mercado, a Comisaría da Policía Nacional, a gasolineira, o 'Farol' e a avenida de Ourense ata o Concello e Cantodarea. A volta será pola avenida Marqué s de Valterra e a avenida de Ourense ata a alameda para completar a primeira volta. A continuación haberá unha segunda volta e a entrada a meta será pola Alameda.
As inscricións para a carreira popular continúan abertas ata as 13.59 horas do 26 de xuño a través do portal www.cronotec.es. A cota de inscrición é de 8 euro e todos os inscritos recibirán de agasallo unha camiseta e bolsa técnicas. Como cada ano, a +10 Marín terá probas de categorías menores desde unha hora antes da saída, cuxa inscrición é gratuíta ata o mesmo día da carreira na mesma web Cronotec ou no Concello de Marín.
A cita deportiva terá un programa amplo de actividades paralelas para deportistas e afeccionados. A partir das 19.30 haberá clases de zumba, ás 23.15 horas haberá un concerto do grupo 'Desconcerto' e batucada a cargo dos grupos 'Queimatasas' e 'Os da caña'. A entrega de trofeos está prevista para as 23.45 horas.
A carreira presentouse este luns no palco da música da alameda Rosalía de Castro de Marín coa presenza da alcaldesa de Marín, María Ramallo, representantes da Federación Galega de Atletismo e a Escola Naval Militar e o veterano atleta marinense Manuel Rosales.
O acto contou ademais cun invitado especial, o atleta olímpico marinense Jean Marie Okutu, a quen se lle fixo unha homenaxe pola súa consecución este fin de semana da medalla de ouro no campionato de España de atletismo ao aire libre que se disputou en Xetafe. Cun salto de 8,01 metros, conseguiu clasificarse para o Europeo de Berlín.