A +10 Marín será este año campionato de Galicia de 10 quilómetros en ruta
Por Redacción
A sétima edición da carreira +10 Marín Manuel Rosales chega este ano cunha novidade importante: será nesta edición o campionato galego Sub20, Sub23, máster e absoluto de 10 quilómetros en ruta. Celebrarase o próximo 28 de xullo, ás 22.00 horas.
Como cada ano, a +10 Marín Manuel Rosales contará con probas de categorías menores desde unha hora antes da saída da carreira absoluta e un amplo programa de actividades e servizos para os corredores que terán o seu epicentro na alameda de Marín, punto onde estará situada tamén a meta do percorrido.
O circuíto de dez quilómetros será similar ao de anteriores edicións, que conta cn homologación oficial. Terá a súa saída desde o Concello en dirección Estribela para posterior regreso, pasando polas instalacións da Escola Naval Militar antes de encarar o tramo final do percorrido con meta na Alameda.
As inscricións para a proba popular están xa abertas a través do portal web www.cronotec.es.
O evento espera seguir batendo récords xa que, con máis de 700 participantes na súa proba estrela, a do pasado curso foi a súa edición máis numerosa.
A cota de inscrición é de 7 euros ata o 21 de xullo e oito ata o momento de peche do prazo, o 26 de xullo ás 14 horas.
Todos os participantes apuntados á proba popular recibirán como obsequio unha bolsa técnica e unha camiseta técnica.
En canto ao campionato galego, a inscrición é gratuíta e cada club deberá anotar aos seus propios atletas pero aqueles corredores que decidan non apuntarse tamén á proba popular perderán o seu dereito aos premios da mesma así como aos agasallos técnicos.
As probas de categorías inferiores volverán ser de carácter gratuíto e poderán facerse tanto na web de Cronotec como presencialmente o mesmo día da carreira.
Relacionadas:
-
Pedro Nimo e Paula Mayobre impóñense nunha +10 Marín de récord
Por Redacción & Diego Torrado |
-
A carreira +10 Marín, a por un récord de participación
Por Redacción |
-
Ramón Touza ou Froiz, entre os galardoados nos segundos Premios Manuel Rosales
Por Redacción |
-
A carreira popular +10 Marín estrea gañadores: Antonio Serrat e Joselyn Brea
Por Redacción & Diego Torrado |