Combarro e Sanxenxo repiten como parada da Regata Rías Baixas
Por Redacción
O porto deportivo de Combarro prepárase para acoller un ano máis á tradicional Regata Rías Baixas na súa 55ª edición.
A competición organizada polo RCN Vigo chegará a Combarro o vindeiro sábado 11 de agosto como punto final á súa primeira etapa, desde a cidade olívica, e vivirá un día despois a saída da segunda xornada (12:30 horas) con destino á Pobra do Caramiñal.
A terceira xornada pola súa banda desenvolverase entre A Pobra e Sanxenxo, o luns 13 de agosto, mentres que o día 14 chegará ao seu fin desde Sanxenxo ata Vigo.
"Desde 2010 comezamos a apostar por esta regata", lembrou a concelleira de Deportes de Poio, Marga Caldas, na presentación celebrada este martes no Concello.
Prevese a participación de ao redor de 70 embarcacións, algunhas delas con gran tamaño e ata 15 tripulantes, o que elevará a cifra de regatistas ata os 600.