O Campionato Galego de Acuatlón aterra en Combarro
Por Redacción
O II Acuatlón Movéndonos por Poio ofrecerá un sábado de gran ambiente deportivo en Combarro o próximo 8 de setembro.
A proba, que terá categoría de Campionato Galego da Especialidade, foi presentada este luns no Concello con presenza da concelleira de Deportes, Marga Caldas, o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Óscar Surís, e representantes do Club Ciclismo Tríatlon Poio.
A Praza da Chousa será a zona de saída, transición e meta dunha competición que se desenvolverá integramente no centro urbano de Combarro.
A partir das 16:00 horas da tarde sucederanse as carreiras nas diferentes categorías, empezando pola idade benxamín, ata chegar á competición absoluta (18:00 horas).
Os competidores sénior completarán 1.000 metros de natación (dúas voltas) e 5.000 metros de carreira a pé (3 voltas ao circuíto habilitado).