O Teucro visita a cancha de Anaitasuna coa dúbida ata última hora de Davor Cutura
Por Diego Espiño
O estado físico de Davor Cutura centra a actualidade da Sociedad Deportiva Teucro antes de enfrontarse este sábado (19:00 horas) en Pamplona ao Anaitasuna.
O central serbio, que xa non participou por lesión no último encontro de liga, entrou finalmente na convocatoria e viaxou co resto dos seus compañeiros ata terras navarras, pero será dúbida ata última hora. "En el calentamiento del partido se verá si puede participar algún minuto", confirmou Luís Montes.
Tampouco serán da partida Sergio Pérez e Domingo Luís ao marchar aos Xogos Olímpicos da Mocidade, mentres que Alberto Garrido non entrou na lista por motivos laborais e ocupa o seu posto o extremo xuvenil Cristinan Remeseiro.
Os azuis visitan a pista de "un rival muy duro" como o Anaitasuna, que se atopa nunha situación clasificatoria "totalmente engañosa", sinalou o técnico teucrista, xa que o cadro navarro perdeu os seus tres partidos pero de maneira apertada ante rivais como Ademar, Bidasoa e Granollers.
Non se fía por tanto o Teucro dos números nunha xornada que encaran coa convicción de que "poco a poco vamos creciendo y estamos en buena progresión" e o obxectivo de traducir esa idea en puntos canto antes.
Os colexiados do encontro serán os andaluces Fernández Molina e Murillo Castro.