A triatleta pontevedresa, Saleta Castro, Bronce no Ironman de Lanzarote
Por Redacción
A triatleta pontevedresa, Saleta Castro, conseguiu o sábado a medalla de bronce no Ironman de Lanzarote, unha proba do máximo prestixio na longa distancia que contou coa participación de 1.800 deportistas. Con este espectacular resultado, a galega convértese na terceira deportista española capaz de conseguir un podio na proba canaria, que detrás da de Haway, é a máis destacada do mundo.
O resultado conseguido por Saleta é especialmente bo por varios motivos: Esta é a segunda tempada da galega na media/longa distancia e os resultados xa comezan a acompañala. Ademais de mellorar o posto do pasado ano (en 2012, a súa primeira participación, foi sétima), o máis importante é que logrou un tempo moito mellor e ademais a participación na proba era dun alto nivel, polo que o seu rendemento aínda ten máis mérito.
O Ironman de Lanzarote celebrou este ano o seu 22 edición coa participación de 1.800 deportistas. As distancias do Ironman son de 3.800 metros de natación, 180 quilómetros en bicicleta e 42,2 quilómetros de carreira a pé.