O Waterpolo Pontevedra, de novo á auga co inicio da Liga Galega
Por Redacción
Acabou o descanso para o Waterpolo Pontevedra. O club enfrontarase, a partir do sábado 20 de outubro, a unha nova tempada na Liga Galega de Waterpolo.
O seu primeiro partido, a partir das 16.00 horas, levarao á cidade olívica para xogar contra o RCN Vigo, equipo que regresa á competición este ano tras renunciar á súa praza a pasada tempada.
O sábado tamén retomará a competición o equipo de Liga Galega Feminina, que se enfrontará ás viguesas a continuación, ás 17.20 horas.
Ademais, o club celebrará tamén o seu acto de presentación da tempada, ás once da mañá na sede social do Casino Mercantil, na praza Curros Enríquez.
Nel participará o centenar de deportistas que o equipo ten en todas as súas categorías e servirá como homenaxe aos 20 anos de historia do waterpolo pontevedrés, desde a súa recuperación na tempada 1998-99.