Xadrez na Rúa e PonteXadrez reunirá a preto de 600 xogadores entre venres e sábado
Por Redacción
O xadrez inundará Pontevedra o próximo fin de semana con dous eventos como Xadrez na Rúa e o torneo de PonteXadrez.
Xadrez na Rúa, na súa quinta edición, espera contar o venres con preto de 200 escolares nas mesas que se instalarán ao aire libre na Praza de España. A xornada, organizada pola Escola Xadrez Pontevedra e os CEIP de Campolongo, Villaverde e Froebel, está dirixida a todos os centros escolares do municipio a xeito de despedida do curso académico, dando comezo ás 17:00 horas e ata as 19:30.
O sábado pola súa banda será quenda, tamén na Praza de España, do cuarto torneo internacional PonteXadrez, enmarcado dentro do Circuíto Galego de Promoción, cunha participación que segundo a organización pode roldar os 400 xogadores procedentes principalmente de Galicia e Portugal dende a categoría sub-8 ata a absoluta.
A competición arrancará ás 11:00 horas con tres partidas en horario matinal, deixando outras catro para a quenda de tarde que comezará ás 16:00 horas.
As inscricións están abertas no correo electrónico narua@xadrezpontevedra.com ou no teléfono 650645318 ata este mércores 22.
CAMPAÿA DE RECOLLIDA DE ALIMENTOS
Paralelamente á celebración dos dous eventos, a Escola Xadrez Pontevedra pon en marcha unha recollida solidaria de alimentos en beneficio do comedor de San Francisco, esperando repetir o resultado de hai un ano, cando se recolleu arredor de media tonelada de comida.