O Consello ofrece a Milo dous anos de Director Técnico e pon os seus ollos en Fredi como primeira opción para o banco
Por Ramiro Espiño
Case tres horas de reunión dalgúns dos membros do Consello de Administración do Pontevedra. A sede do club en Pasarón foi escenario na tarde-noite do venres dun extenso cambio de impresións, máis que dunha sesión do Consello propiamente dita ao non ter sido convocados os seus membros formalmente, que serviu para analizar a situación actual, a marcha do proceso de ampliación de capital, a oferta definitiva a realizar a Milo Abelleira na nova función de Director Técnico que se pretende realice, e os nomes dos posibles candidatos a ocupar o banco granate como adestrador do primeiro equipo.
Ausente un dos conselleiros como Ricardo Tilve, ao non poder asistir tampouco Evaristo Portela, optouse por non adoptar acordos definitivos, que quedan pendentes dunha sesión do Consello, convocada formalmente, e que terá lugar ao longo da semana próxima, en data aínda por concretar. Si estaban os restantes catro conselleiros, ademais da asesora, Lupe Murillo, que se incorporou con lixeiro atraso.
A reunión comezou pouco despois das sete da tarde, finalizando pouco antes das dez da noite e nesta estudouse a situación dos xogadores do actual equipo cos que se considera necesario iniciar xestións para a súa renovación.
Pero sen dúbida o asunto central da reunión foi o ofrecemento a Milo Abelleira do posto de Director Técnico. Moito especulárase sobre a conveniencia de que un Consello "interino" adoptase unha decisión de tal transcendencia de cara ao futuro, especialmente ao barallarse ofrecerlle un contrato por tres anos, que hipotecaría calquera posible relevo na cúpula dirixente.
Finalmente o Consello decidiu ofrecer a Milo un contrato por dous anos, vinculado no económico ao custo do contrato do que vaia ser novo adestrador, de tal maneira que o soldo de ambos os dous non supere unha cantidade máxima que o club estipule como custo para o corpo técnico.
Ademais, e aínda que oficialmente nada se quere recoñecer dada a situación en que se encontra o seu actual equipo, no Consello marcáronse como obxectivo preferente a contratación de Fredi como adestrador, se ben as negociacións co técnico haberán de esperar a que finalice a súa vinculación co Compostela, tras a disputa da fase de ascenso en que está inmerso en club de Santiago.
Mentres, e previamente ao Consello decisorio a celebrar a próxima semana, o luns o Presidente e Vicepresidente granates manterán unha nova reunión con Milo Abelleira para trasladarlle esta proposta, á vez que encomendarlle as primeiras negociacións firmes cos xogadores que finalizan contrato e que se pretende renovar.
A intención do actual Consello é manter o bloque, cun presuposto similar ao da tempada actual, pero readaptando o gasto, construíndo o equipo cos xogadores máis novos, de mellor rendemento deste ano e rodeándoos de tres ou catro fichaxes de xogadores contrastados que lles arroupen e permitan ao equipo dar o salto de calidade que lles faga optar con posibilidades reais ao ascenso.
De ser así, e aínda que nada hai confirmado, todo apunta que homes como Cristóbal Juncal, Sestelo, Moisés Pereiro, Stefan e algún outro serán os primeiros descartados.