Indignación no Juventud Cambados contra o Diario Marca tras chamalos 'Fariña FC'
Por Redacción
O Club Juventud Cambados expresou a través dun comunicado o "profundo malestar e indignación" xerado na entidade e tamén nos seus socios por unha recente publicación do Diario Marca referíndose ao club como 'Fariña FC', en referencia ao popular libro e serie televisiva que relata parte da historia do narcotráfico en Galicia e no que un dos seus principais personaxes é Sito Miñanco, ex-presidente do Cambados.
O diario deportivo nacional a raíz do debut do celtista Brais Méndez coa Selección Española elaborou un artigo titulado "Brais Méndez, el hijo del killer del Fariña FC que ha debutado en La Roja con gol", referíndose ao pai do canteirán do Real Club Celta, Modesto Méndez ' Pupi', e que foi dianteiro do equipo amarelo, co que xogou na Segunda División B.
Entende o Cambados que esta afirmación "totalmente fóra de contexto e sen sentido", supón un "inxustificado menosprezo" cara ao club e cara á súa longa historia.
Por ese motivo desde a entidade presidida por Matías Fontán esixen a Marca unha rectificación pública cara ao club e tamén a modificación da noticia "centrando o seu contido no exitoso debut de Brais Méndez coa Selección".
Modesto Méndez 'Pupi' chegou a disputar 45 encontros co Juventud Cambados, nos que anotou 3 goles.