Marín repite como sede da Copa de España de Ximnasia Acrobática
Por Redacción
A cita coa ximnasia acrobática en Marín empeza a ser obrigada no inicio da tempada deportiva desta especialidade.
Por cuarto ano consecutivo o pavillón da Raña acollerá unha competición de gran nivel coa disputa por unha banda da XII Copa Galicia Internacional, con clubs nacionais e portugueses inscritos, e por outro recuperando a Copa de España, que se disputou por última vez na vila en 2017.
Desta forma a elite nacional deste deporte exhibirá as súas habilidades durante toda a fin de semana, o sábado 16 e o domingo 17 de febreiro.
Os adestramentos oficiais dos equipos comezarán xa este xoves día 14 con horario para os clubs máis próximos: Club Treboada, Club Flic Flac, Escola Burgas e Club Dinamic. O venres pola súa banda será quenda das prácticas dous participantes lusos, con gran representación: Ginasio Clube Vilacondense, G. Acrobática Vigor da Mocidade, Ginásio Clube Portugués, Grupo Sportivo de Carcavelos, Club Andraga, Estrela e Vigorosa Sport, Acrogym Clube de Coimbra, A. Académica de Coimbra, Acropombal, E. G. de Formaçao Acrobática, A. de Ginástica de Leiría, Club Acroastur e Sporting Clube de Torres.
A competición en si iniciarase o sábado de 9:30 a 14:00 horas para a categoría cadete e de 15:30 a 21:00 horas para as categorías xuvenil, junior e senior, e o domingo de 9:30 a 14:00 horas coa Copa de España Alevín e Infantil e as finais da Copa Galicia Internacional.