Dura derrota do Cisne ante un Puerto Sagunto superior en todo (37-27)
Por Sofía Lorenzo
Xornada moi complicada a do Cisne. Esta fin de semana tocoulle viaxar á Comunidade Valenciana para enfrontarse a un dos equipos máis difíciles da categoría: o Puerto Sagunto, que goza dunha posición privilexiada na táboa (terceiro) cun partido xogado menos que os seus rivais.
En apenas un minuto xa se efectuaron tres cambios de posesión. Isto sería o reflexo dun encontro marcado por numerosas accións ofensivas, transicións moi rápidas e, sobre todo, pouca contundencia defensiva.
Con todo, durante a primeira parte, o cadro local soubo estar máis sólido atrás. Grazas a iso, logrou distanciarse desde o primeiro momento no marcador e alcanzar unha renda de 4 tantos aos once minutos de xogo (8-4). Quizá, o factor diferencial foi o acerto en portería. O seu gardameta, David Bruixola, estivo bastante máis entonado que os galegos. Desta forma, os valencianos chegaron ao descanso, xa, cunha cómoda vantaxe de 6 tantos (18-12).
Nos dez primeiros minutos da segunda parte, case non houbo diferenzas no electrónico (21-14). Dificultade para anotar por parte de ambos os conxuntos. A partir dese momento, todo o contrario. Foi nos últimos 20 cando o duelo volveuse tolo. Unha situación que souberon aproveitar á perfección (e mellor) os de Sagunto, que, tras varios erros en ataque dos visitantes e posteriores contraataques, lograban aumentar a súa renda rapidamente e romper totalmente o partido.
Finalmente, derrota moi avultada dos pontevedreses, que foron incapaces, xa non só de darlle a volta ao marcador, se non de frear a gran cantidade de goles encaixados (37-27).
Toca recompoñerse e comezar a preparar o choque da próxima xornada no CGTD, onde os de Jabato recibirán ao Sant Martí Adrianenc, equipo contra o que conseguiron os dous puntos na primeira volta.
Relacionadas:
-
O Cisne gaña ao Antequera e asegura a súa permanencia en División de Honra Prata (22-21)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
O Cisne recupera o sorriso ante o Santoña e logra un triunfo vital (24-30)
Por Sofía Lorenzo |
-
Outra tarde nefasta leva ao Cisne á ridícula fronte ao Sant Martí Adrianenc (25-32)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Derrota do Cisne ante o Alarcos, peso pesado de Honra Prata (31-25)
Por Sofía Lorenzo |
-
O Cisne tira de épica e logra un punto importantísimo ante o Torrelavega (26-26)
Por Sofía Lorenzo |