O Cisne tira de épica e logra un punto importantísimo ante o Torrelavega (26-26)
Por Sofía Lorenzo
Xornada complicada pero positiva para o Cisne, que esta fin de semana viaxou a Cantabria para medirse ao Torrelavega, equipo co que empatou na primeira volta e contra o que volveu facelo, esta vez no Vicente Trueba. Os de Jabato chegaron á décima novena xornada de liga coa confianza renovada tras gañar ao Novás en casa, algo que lles axudou a sumar outro punto que os mantén na sétima posición.
No referente ao primeiros trinta minutos e por parte do Torrelavega, ataques curtos, onde xogadores de gran calidade (como o recentemente fichado ex-teucrista Dani Hernández) aproveitaban, practicamente, cada oportunidade da que dispoñían. Pola dos pontevedreses, pola contra, comezaron o encontro bastante atrancados, ofensivamente falando. Incómodos ante unha defensa local ben plantada. Posesións longas onde, normalmente, tentaban asistir ao seu pivote Dani Ramos, xogador moi difícil de parar se é capaz de recibir a pelota na liña de seis metros.
Con todo, o cadro cántabro nunca chegou a separarse o suficiente no electrónico, o que fixo que chegasen ao descanso co partido totalmente aberto (13-11).
Chegou o empate no minuto 4 da segunda parte a través duns 7 metros anotado por Alberto Casares, que acabaría sendo o máximo anotador do encontro (9 goles, todos de penalti). A pesar diso, rapidamente volveron poñerse por detrás, feito que non cambiaría ata o último minuto. Aínda que nun principio, demasiadas perdas de balón e erros de lanzamento penalizarían enormemente aos galegos, ben é certo que tiveron o partido ao seu alcance en todo momento. Álex Chan (6 goles) botouse ao equipo ás costas e, aos poucos, foron recortando distancias, ata que, no 29', el mesmo lograba anotar o gol do empate (26-26).
E así finalizou o choque. Exactamente igual que na primeira volta (con repartición de puntos), aínda que cun sabor algo máis doce ao xogar lonxe do CGTD.
Agora tócalle ao Cisne centrarse no seguinte reto para continuar sumando. A próxima semana recibirá ao Agustinos, ao que derrotou o pasado mes de outubro en Alicante e que agora pelexa por afastarse todo o posible dos postos de descenso.
Relacionadas:
-
Dura derrota do Cisne ante un Puerto Sagunto superior en todo (37-27)
Por Sofía Lorenzo |
-
Derrota do Cisne ante o Alarcos, peso pesado de Honra Prata (31-25)
Por Sofía Lorenzo |
-
Pobre empate do Cisne ante Agustinos (23-23) nun partido con dúas caras e un final de erros
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Cisne sae do bache pola porta grande ao derrotar ao Novás (30-29)
Por Sofía Lorenzo |
-
O mal momento do Cisne alóngase tras unha dura derrota ante o Barça B (36-29)
Por Sofía Lorenzo |