O mal momento do Cisne alóngase tras unha dura derrota ante o Barça B (36-29)
Por Sofía Lorenzo
O Cisne ampliou, unha xornada máis, o bache que atravesa desde o pasado mes de decembro (leva sumados dous puntos de doce posibles). Nesta ocasión, foi o Barça B, un dos equipos máis complicados da categoría, o que recibiu aos pontevedreses, que foron incapaces de frear aos locais no seu empeño por continuar sumando vitorias en casa (todos os puntos disputados no Ciutat Esportiva Joan Gamper quedaron en Barcelona).
Comezaron ben os de Jabato os primeiros minutos da primeira parte. Isto foi debido a paradas clave de Dani Fernández (porteiro titular esta fin de semana), sumado a que, ofensivamente, o equipo visitante lograba atopar situacións moi cómodas de lanzamento. Quizais, o único motivo polo cal nunca chegaron a poñerse por encima no marcador foi o pouco acerto cara a portería.
Pola súa banda, o cadro local impuxo un ritmo moi alto desde o inicio. Aínda non demostrando unha solvencia moi elevada en defensa, a rapidez coa que executaron as segundas ondas e a efectividade demostrada nas mesmas, fixo que fosen adquirindo, aos poucos, distancia no marcador ata irse ao descanso cunha avultada vantaxe de 7 tantos (19-12).
A segunda parte, peor para os galegos. En ataque, moi atrancados e sen ideas. Atrás, de novo moi brandos. Tanto en defensa como en portería non están a atravesar o seu mellor momento, proba diso, a cantidade de goles que reciben por partido.
O Barça soubo aproveitar esta situación e acaboulles propinando un serio correctivo. Lonxe de baixar marchas (o habitual cando a diferenza de goles é insalvable), seguiron mantendo unha intensidade altísima, o que fixo que conseguisen gañar cunha folgada diferenza (36-29).
Con todo, agora tócalle ao Cisne sobrepoñerse e centrarse no seguinte reto. O vindeiro domingo recibirá no Municipal de Pontevedra ao Atlético Novás, que na primeira volta derrotou con comodidade aos pontevedreses, para disputar o segundo derbi da tempada. Espérase un encontro moi emocionante e igualado, no que o equipo local buscará a 'vinganza' pola derrota sufrida ante eles no Rosal o pasado mes de outubro.
Relacionadas:
-
O Cisne tira de épica e logra un punto importantísimo ante o Torrelavega (26-26)
Por Sofía Lorenzo |
-
O Cisne sae do bache pola porta grande ao derrotar ao Novás (30-29)
Por Sofía Lorenzo |
-
Cambio de pista e hora para un derbi con moito en xogo entre Cisne e Atlético Novás
Por Redacción |
-
O Cisne tira o partido ante o Amenábar nos últimos dez minutos (26-26)
Por Redacción |
-
Vitoria contundente do Nava ante un Cisne frouxo en defensa (29-37)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
O Cisne comeza mal o ano perdendo en Zamora (31-25)
Por Sofía Lorenzo |