Universidades de Galicia, País Vasco, Estremadura, Asturias e Cantabria, de competición en Pontevedra
Por Redacción
Máis de 400 deportistas, procedentes de oito universidades de Galicia, País Vasco, Estremadura, Asturias e Cantabria, reuníronse este martes no campus de Pontevedra para participar no Campionato Universitario Inter Autonómico (CUIA).
Era a primeira vez que Galicia acollía esta competición, na que participaron ata 28 equipos femininos e masculinos de baloncesto, balonmán, fútbol, fútbol sala, voleibol e rugby 7.
O obxectivo de todos eles era tentar clasificarse para a fase final dos campionatos universitarios que terá lugar nos meses de maio e abril na Comunidade Valenciana.
Desde primeira hora da mañá, as competicións foron desenvolvéndose de maneira simultánea en seis sedes diferentes. Así, o Pavillón Universitario acolleu os triangulares de baloncesto feminino e masculino, mentres que no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) era a sede dos partidos de voleibol feminino e masculino. No Pavillón Municipal dos Deportes pola súa banda tivo lugar a competición de balonmán feminino, mentres que a competición masculina non chegou a disputarse finalmente ao non acudir o equipo da UPV, o que fixo que o equipo da Universidade de Vigo obtivese directamente o pase á fase final do Campionato de España.
A estas tres sedes sumáronse o campo de herba sintética da Xunqueira co torneo de fútbol e o campo de Monte Porreiro para a modalidade de rugby, mentres que o pavillón municipal de Monte Carrasco, en Marcón, foi escenario do fútbol sala.
Ademais do balonmán masculino, a Universidade de Vigo clasificou a outros cinco equipos para as fases finais, os de fútbol 11 feminino e masculino, fútbol sala feminino, baloncesto feminino e balonmán feminino.