Décimo aniversario da Bandeira Concello de Bueu de bateis
Por Redacción
O peirao de Bueu será escenario o vindeiro sábado, 30 de marzo, da X edición da Bandeira Concello de Bueu de bateis.
A proba, organizada polo Concello e o Club do Mar de Bueu, dará comezo ás 16:00 horas coa presenza de preto dun cento de embarcacións e medio milleiro de deportistas de clubs de remo do sur de Galicia.
Primeiro será a quenda das categorías femininas e despois as masculinas, ambas as dúas con competición desde idade alevín ata a absoluta.
A regata terá formato en liña con quendas lanzadas na mesma categoría con intervalos dun minuto, e con 5 minutos entre as diferentes categorías. Todo iso saíndo desde o peirao e finalizando na praia de Robaleira nun campo de regatas con cinco aboias.
Ademais do anfitrión, participarán Coruxo, Samertolameu, Tirán, Amegrove, Robaleira, Virxe da Guía, Chapela, Meira, Cesantes, Vila de Cangas, Mecos e Vilaxoán.