O Visit Pontevedra xógase todo á última carta tras gañar ao Borges Grup Vill en Lleida (1-4)
Por Redacción
O equipo do Tenis de Mesa de Monteporreiro viaxou esta fin de semana a Lleida para medirse ao Borges Grup Vall, cadro que se posiciona entre os primeiros postos da clasificación (terceiro con 28 puntos), na penúltima xornada de liga en Superdivisión Masculina. Ante a necesidade de sumar por parte dos pontevedreses, e despois da vitoria da pasada semana ante o Escala, estes lograron dous novos puntos que lles permiten manterse vivos na categoría ata o final (pero coa necesidade vital de gañar a próxima xornada e de que, pola súa banda, caia o Cambados Tenis de Mesa, que ten un punto de vantaxe).
Os encargados de abrir o choque foron o local Jordi la Torre e Horacio Cifuentes, que derrotou con total autoridade ao primeiro. Co 0-1 no marcador, chegou a quenda de Betancor, que, do mesmo xeito que o seu compañeiro, conseguiu sumar outro tanto a favor dos pontevedreses, aínda que non con tanta comodidade, xa que Joan Masip case consegue gañar o primeiro duelo. Pola súa banda, Galvano non tivo a mesma sorte, xa que foi abatido polo xogador do equipo sevillano, Marc Durán.
Cos anfitrións recortando distancias (1-2), os visitantes víronse obrigados a responder e, coa segunda quenda de Betancor, esta vez ante La Torre, aumentaron a súa renda (1-3). Cifuentes puxo a guinda ao pastel e, despois de cinco xogos conseguiu derrotar a Marc Durán, establecendo o definitivo 1-4 e dando a merecida vitoria ao seu equipo.
A próxima semana, os do Visit Pontevedra recibirán no Príncipe Felipe ao Hispalis para disputar o partido final da tempada. Xornada decisiva para os de casa cando xóganse todo á última carta.