Marín celebra que o Peixe xa é de LEB Ouro
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado
O Peixe xa é equipo de LEB Ouro. Conseguiuno esta fin de semana en Albacete, onde se mediu, no partido de volta correspondente á última fase dos play-off, ao Villarrobledo. Despois da vitoria da pasada xornada na Raña, tíñaselle que dar moi mal aos pontevedreses para non conseguir manter a renda que lles concedía o ascenso. Aínda que non gañaron na pista manchega, chegáballes con non encaixar unha derrota por máis de 16 puntos.
Comezou moi forte o Peixe, que nos primeiros minutos do choque colocábase por diante. Con todo, rapidamente reaccionou o cadro local, vendo a súa oportunidade en varias perdas de balón por parte dos seus rivais. Isto permitiulle non só igualar, senón tamén darlle a volta ao partido (17-14 no primeiro cuarto).
A partir dese momento, aínda que se colocou moi preto en diversas ocasións, o Peixe xa non lograría volver adiantarse no marcador. Foi Sevillano quen, ao longo da primeira parte e fronte ao maior acerto anotador dos de casa, botouse o equipo ás costas, conseguindo que a diferenza ao descanso fose de, tan só, 5 puntos (40-35).
Tras o paso polos vestiarios, os de Javi Llorente regresaron á pista máis metidos no encontro. Nesta ocasión, o imparable alero, Jalen Nesbitt, converteuse nunha auténtica dor de cabeza para os galegos que, con todo, recortaban, aos poucos, distancias, ata poñerse a un punto do empate ao termo o terceiro cuarto (57-56). Vían o ascenso cada vez máis preto. Tería que torcerse moito o partido nos últimos minutos para que non conseguisen manter o ritmo.
E así foi. Loitando ata o final, ante un equipo que non cedeu o máis mínimo, terminaron, non gañando, pero si agarrándose á marxe de 16 puntos que lles daba acceso ao ascenso. Un 78-70 de ouro para os pontevedreses.
Mentres tanto, a afección do Peixe viviu en primeira persoa, desde a Alameda de Marín, cada xogada do seu equipo. A pantalla xigante instalada o día anterior permitiulles reunirse para celebrar que xa son de Ouro despois dun só ano en LEB Prata.
Relacionadas:
-
O día que o Peixe bañou en ouro a Marín
Por Manu Otero |
-
Fin de ciclo no Pontevedra nun ano de ascenso para o Peixe Galego e de descenso do Teucro
Por Diego Espiño |
-
O Peixe Galego inicia os trámites para xogar en LEB Ouro
Por Sofía Lorenzo |
-
Os socios do Peixe Galego apoian un proxecto "con los pies en el suelo" para saír en LEB Ouro
Por Diego Espiño |
-
O Peixe Galego busca recursos para competir en LEB Ouro e lanza a súa nova campaña de socios
Por Diego Espiño |
-
Sorteado o Campionato de España Infantil Feminino de baloncesto que se celebrará en Marín
Por Redacción & Nacho Fuentes |
-
O Peixe Galego ou o triunfo dun proxecto humilde e constante
Por Diego Espiño |
-
A emoción do posible ascenso do Peixe Galego a LEB Ouro, tamén desde a Alameda
Por Redacción |
-
O Peixe pon un pé na LEB Ouro ao derrotar o Villarrobledo (87-71)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
O soño do ascenso para o Peixe Galego, a só dous partidos
Por Diego Espiño |
-
O Peixe segue na loita polo ascenso tras gañar o HLA Alicante na casa (91-86)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |