Cambios no balonmán: o Teucro xogará a Copa do Rei e División de Prata e Primeira Nacional terán máis equipos
Por Alejandro Espiño
Os equipos da División de Honor Prata, entre eles a Sociedad Deportiva Teucro, participarán a próxima tempada na Copa do Rei de balonmán, unha competición reservada ata agora aos conxuntos da Liga ASOBAL. ÿ unha das principais novidades da competición na tempada 2013-2014. Así o aprobou unha ampla maioría da asemblea xeral ordinaria da Federación Española.
O torneo copeiro contará con dúas novas roldas. Na primeira delas participarán xa os pontevedreses. Será unha eliminatoria que enfrontará a partido único aos dous descendidos da Liga ASOBAL, Academia Octavio e Palma del Río e os seis primeiros clasificados da pasada tempada de División de Honor Prata, entre eles o Teucro, co resto de integrantes da segunda categoría do balonmano español.
Os gañadores destes oito partidos, que se disputarán en casa dos equipos de División de Honor Prata peor clasificados, mediranse na seguinte rolda, tamén a partido único, cos dous equipos que lograron o ascenso á máxima categoría e os seis peores clasificados da pasada Liga ASOBAL. Tras esta segunda rolda, entrarán a competir, a partido único e a domicilio, os oito primeiros clasificados da Liga ABOSAL na tempada 2012-2013.
Os equipos vencedores formarán parte do bombo do sorteo, xa sen ningún condicionante, das eliminatorias de cuartos de final, que se disputarán a dobre partido. Os catro conxuntos clasificados mediranse, a semellanza coa Liga de Campións, nunha Final a Catro, que se celebrará os días 3 e 4 de maio nunha cidade aínda por determinar, en busca do título de campión da Copa do Rei.
AMPLIASE A LIGA A 16 EQUIPOS
Teucro, Academia Octavio e Chapela serán tres dos 16 equipos que disputarán este ano a División de Honor Prata
Ademais das novidades relativas á Copa do Rei, a asemblea da Federación Española de Balonmano acordou pequenos cambios na División de Honor Prata, que arrincará o 14 de setembro. A competición contará con 16 equipos. De todos eles, igual que nestas últimas tempadas, o primeiro clasificado ascenderá directamente á Liga ASOBAL. A outra praza de ascenso disputarana, na casa do segundo clasificado, os catro seguintes equipos.
Pola súa banda, tan só un equipo, o último clasificado, descenderá directamente á Primeira Nacional. Acompañarano outros dous conxuntos. Será tras unha liguiña na que participarán do decimoterceiro ao decimoquinto clasificados. O mellor dos tres manterá a categoría, mentres que os outros dous descenderán a Primeira Nacional.
Se non producen renuncias ou descensos administrativos, a División de Honor Prata estará formado por tres equipos galegos (Teucro, Academia Octavio e Chapela), catro vascos (Bidasoa, Barakaldo, Zarautz e Ereintza), dous cántabros (Torrelavega e Adelma Sinfín), tres andaluces (Palma del Río, Pozoblanco e Antequera), dous cataláns (Barcelona B e Bordils), un castelán-leonés (Seguros Zamora) e un madrileño (Alcobendas).
REESTRUCTURACION NA PRIMEIRA NACIONAL
Rexeitouse fusionar División de Honor Prata e Primeira Nacional e amplíase esta última a seis grupos de 14 equipos cada un
E que pasa coa Primeira Nacional? Aínda que varias federacións, entre elas a catalá e a valenciana, propoñían fusionala coa División de Honor Prata, finalmente non será así. Esa proposta foi rexeitada por unha ampla maioría, incluídos os equipos galegos. Pero si saíu adiante a idea de ampliala con máis equipos. Na tempada 2013-2014, a categoría estará formada por seis grupos de 14 equipos cada un, fronte aos catro deste ano.
Preténdese así reforzar o criterio xeográfico dos grupos e que deban afrontar desprazamentos máis pequenos, de forma que tamén se reduzan os gastos de competición. Polo momento, non se coñece a composición destes grupos nin tampouco a data de inicio da liga. Haberá que esperar a que se peche o prazo de inscripción de equipos na Federación, que teñen como límite para facelo o próximo 8 de xullo.
A falta de coñecer a distribución dos grupos, a Primeira Nacional na que participen os equipos galegos non terá oco para moitos máis. Salvo que se produzan baixas de última hora na categoría de bronce do balonmano español competirán, polo menos, Cisne, Mecalia Novás, Seis do Nadal, Calvo Xiria, Lavadores, Lalín, OAR Coruña, Bueu e o ascendido SAR Redondela. Ademais, ofrecerase praza ao descendido Cangas B, e aos que xogaron a fase de ascenso desde Segunda Nacional sen conseguir subir. ÿ o caso do Balonmano Pontevedra.