Rafa Dasilva volve ao balonmán: xogará a próxima tempada no Cisne
Por Alejandro Espiño
Anunciou hai apenas dous meses a súa retirada do balonmán profesional aos seus 37 anos, pero o Cisne convenceuno para que xogue con eles a próxima tempada. Rafa Dasilva, que ao longo da súa dilatada carreira deportiva vestiu a camisola dos tres grandes do balonmán galego: Teucro, Balonmano Cangas e Academia Octavio, volverá demostrar a súa calidade sobre as pistas.
O lateral dereito, un dos dez máximos goleadores da historia da Liga ASOBAL, xa anunciara que probablemente buscaría un equipo de Primeira Nacional para poder seguir xogando ao balonmán. E o elixido foi o Cisne. Chegou a un acordo para xogar no equipo pontevedrés durante a próxima tempada.
"Estamos muy contentos de haber cerrado su fichaje", explicou a PontevedraViva o presidente do Cisne, Santi Picallo. Desde o club déronlle todo tipo de facilidades para poder contar con el. Rafa Dasilva está traballando actualmente nunha depuradora de O Grove e adestrador e directivos permitiranlle que adestre só tres días á semana "y en noviembre y diciembre, cuando aumenta su carga de trabajo entrenará solo dos".
En todo caso, Santi Picallo recoñece que a fichaxe de Rafa Dasilva suporá un salto de calidade para o equipo pontevedrés para afrontar unha Primeira Nacional totalmente renovada e que estará composta íntegramente por equipos galegos. "Viene con muchas ganas de jugar y con la fuerza que ha demostrado siempre", explica o presidente do Cisne que espera que o proxecto deportivo do equipo poida virar en torno a el.
OUTRAS FICHAXES
Rafa Dasilva únese ás fichaxes que os responsables do Cisne foron realizando nos últimos días. Entre eles, destacan os nomes do porteiro Eduardo Alonso, de 24 anos, que procede do Balonmán Pontevedra e saíu da canteira do Teucro; Alberto López que ten 26 anos e xoga de primeira liña; ou o lateral esquerdo Rafa Gestido, de 31 anos, que regresa ao Cisne dez anos despois trala súa última etapa no Chapela.
Todos eles estarán dirixidos polo técnico pontevedrés e ex xogador do Cisne, Edín Covelo, que regresa á súa casa tras sete tempadas afastado das pistas de balonmán, para substituír a Emilio Pinto. O novo adestrador do Cisne posúe unha ampla traxectoria no club, primeiro como xogador e máis tarde como adestrador de diferentes categorías. No 2001 chegou a Primeira Nacional, categoría na que dirixiu ao equipo durante cinco tempadas.