Orellano, dúbida nun Peixe Galego que busca ante o Huesca a súa cuarta vitoria do curso
Por Redacción
A permanencia na Liga LEB Ouro parece unha quimera para o Peixe Galego, pero se algunha opción queda aínda para engancharse á pelexa pasa irremediablemente por vencer este sábado (20:00 horas) no Pavillón da Raña o Bada Huesca.
Os de Marín, con tres vitorias, están a catro do seu próximo rival, un dos equipos que marca xusto a fronteira da permanencia e que chega á cita coa peor serie da competición na actualidade, tras seis derrotas consecutivas.
"Tenemos que intentar minimizar el daño que nos puedan hacer dentro y que el ritmo de partido no lo tengan ellos controlado", analiza sobre o duelo o técnico 'peixe', Javi Llorente.
A dúbida para os marinenses céntrase no estado físico de Juanchi Orellano, tras varios días sen exercitarse por mor dun golpe no oído que se produciu na sesión do mércores. Esa incógnita non se despexará ata minutos antes do duelo, apurando as opcións para que se poida vestir de curto.
A súa presenza pode resultar importante nun plantel xusto de efectivos pero na que "si todo el mundo suma hemos demostrado que somos un equipo muy peligroso", avisa Llorente convencido de poder lograr o que sería o cuarto triunfo do curso.