Moraña estréase no dúatlon con 160 deportistas rexistrados
Por Redacción
Moraña vivirá o vindeiro domingo 8 de marzo a primeira edición do seu Dúatlon de Estrada, unha proba incluída no circuíto galego da especialidade.
Máis de 160 deportistas anotáronse ao evento, entre federados e os pertencentes á categoría popular.
A competición terá o seu punto de partida na Carballeira de Santa Lucía, onde estará instalada ademais a zona de transición, empezando ás 10:00 horas coa categoría popular para seguir coas carreiras masculinas (10:45 horas) e femininas (12:30 horas).
O I Dúatlon Concello de Moraña contará cun percorrido de 5 quilómetros a pé, 18 quilómetros de ciclismo e outros 2,5 quilómetros de carreira a pé.
A proba deportiva foi presentada oficialmente este xoves no Concello coa presenza da alcaldesa, Luisa Piñeiro, representantes da Federación Galega de Tríatlon e do Tríatlon PC Rías Baixas, xunto a membros do equipo de seguridade e voluntariado.