![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/e26/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5b1d4a8402-teresa-portela.jpg)
© Nina Jelenc / Federación Galega de Piragüismo
A Federación de Piragüismo cancela os selectivos nacionais, claves para os Xogos Olímpicos
![Almu](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/ea8/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5e90aef8d7-_noc0208.jpg)
Por Almu Dapena
Novas cancelacións no deporte por mor da evolución e expansión do coronavirus.
Despois da suspensión as actividades do mundial de tríatlon por parte da ITU, a última en sumarse foi a Federación de Piragüismo coa ampliación da cancelación das súas actividades afectando directamente os deportistas pontevedreses que buscaban unha praza para os Xogos Olímpicos de Tokio.
Unha das afectadas con esta situación é a piragüista olímpica Teresa Portela, que buscaba confirmar a súa praza no K-1 200 m na celebración do selectivo do 3 de abril. É por iso que, ante esta cancelación, o seu calendario queda no aire do mesmo xeito que o do resto de deportistas.
Á canguesa súmanselle Natalia García (Breogán), Adrián Sieiro e Sergio Vallejo (Piragüismo Poio), que tiñan a última vía de clasificación para o preolímpico europeo no selectivo que se ía a celebrar os días 22 e 23 de abril; igual que Manuel Fontán (Náutico O Muíño) e a súa parella, o cangués Pablo Graña, que buscaban unha praza no C-2 1.000m.
O último afectado é Diego Romero, do Breogán do Grove, que buscaba unha praza no C-1 1 000m.
Ante esta situación, a Federación insiste na necesidade de seguir as recomendacións hixiénicas de prevención da enfermidade difundidas polo sistema Sanitario para previr a propagación do virus.
Selectivos do Equipo Nacional cancelados:
- 13 ao 18 de marzo: controis proxecto K-4 500m.
- 3 de abril: selectivo K-1 200m.
- 4 e 5 de abril: selectivo fase 3 de slalom.
- 14 ao 17 de abril: controis proxecto K-4 500m.
- 18 e 19 de abril: selectivo paracanoe (en Copa de España).
- 20 e 21 de abril: selectivo fase 1 slalom.
- 22 e 23 de abril: selectivo de canoa.