A Federación Galega de Fútbol convoca aos clubs para coñecer a súa situación ante o estado de alarma
Por Redacción
A Federación Galega de Fútbol comunicou esta fin de semana a convocatoria dos clubs para realizar unha reunión telemática e así coñecer a situación na que se encontran.
Despois de que o Goberno central decretase o estado de alarma en todo o país pola crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, procedeuse ao peche das instalacións deportivas e a suspensión da totalidade da actividade deportiva.
Estas medidas, sumadas ás distintas prórrogas do confinamento, supuxeron a suspensión de todas as competicións federadas da RFGF cando aínda quedaba por disputarse o tramo final da competición ligueira, as súas correspondentes fases de ascenso, e as eliminatorias de copa.
É por iso, que a Xunta Directiva da Federación convocou unha serie de reunións cos clubs para coñecer a situación actual das competicións federadas, a situación de adestradores e xogadores, e as posibles propostas e suxerencias dos presidentes ou representantes dos clubs ante a situación actual.
O calendario de reunións é o seguinte:
- Luns 13 de abril (20:00 horas): Terceira División
- Mércores 15 de abril (20:00 horas): Preferente
- Xoves 16 de abril (20:00 horas): Grupos 1,2 e 3 de Primeira Galicia
- Sábado 18 de abril (20:00 horas): Grupos 4 e 5 de Primeira Galicia
Por último, desde a Federación lembran que a prioridade é a saúde e que o fútbol regresará cando as autoridades o determinen, pero ven necesario analizar e solucionar as dúbidas dos clubs mentres non se recupere a normalidade.