Os clubs de taekwondo reciben material de protección contra o Covid-19
Por Redacción
Os clubs de taekwondo da comarca prepáranse para volver á actividade adaptados ás esixencias da alerta sanitaria.
Para iso resultou fundamental a achega realizada estes días pola Federación Galega de Taekwondo, que enviou material de protección contra o Covid aos preto de 60 clubs autonómicos.
En concreto o lote enviado e que recibiron entidades como o Mace Sport pontevedrés ou o Mat's de Marín, dous dos ximnasios con maior actividade na zona, componse dun termómetro corporal sen contacto, dous frascos e unha garrafa de 5 litros de xel desinfectante de mans, un pulverizador dun litro e unha garrafa de 5 litros de desinfectante de superficies, dúas bobinas de papel mecha, pantallas de protección individual para o 50% das licenzas de cada club e unha alfombra desinfectante para o acceso ao centro.
O Mace Sport agradeceu cun vídeo do material a axuda prestada polo organismo federativo.
Pola súa banda o Mat's, coincidindo coa recepción, anunciou a súa intención de retomar os adestramentos infantís a mediados de mes, con grupos reducidos de 12 nenos como máximo.
Esta compra de material forma parte do plan de desescalada elaborado pola Federación Galega. Neste proxecto establécense os prazos e as medidas de seguridade a tomar tanto no caso dos clubs como a nivel de seleccións galegas ou de deportistas de alto nivel e os que se atopan nos Centros de Alto Rendemento.