Jesús Ramos ve o Pontevedra "preparado para competir" e con ganas de "traer os tres puntos" de Ferrol
Por Diego Espiño
Acabáronse as probas e experimentos para o Pontevedra Club de Fútbol, que este domingo 18 de outubro (17.00 horas) afronta no estadio da Malata, a súa estrea nunha liga de Segunda B máis competida que nunca.
Fronte aos granates estará un a priori rival directo como aspirante aos primeiros postos, o Racing de Ferrol, cun plantel renovado pero que "nos vai a crear problemas e vainos a meter en problemas, está clarísimo", asegura o adestrador do Pontevedra, Jesús Ramos.
O técnico valora positivamente a pretempada dos seus e aínda que "me gustaría ter xogado máis partidos amigables" recoñece que "me vou con boas sensacións do partido do Depor e do Compos, viuse que estabamos preparados para poder competir", sinalou.
O conxunto pontevedrés chega ao debut ligueiro sen baixas e con todo o plantel dispoñible, pensando na "pequena vantaxe, entre comiñas" que pode supoñer atoparse na primeira xornada ante un Racing menos rodado. "Teriamos que estar un pouquiño máis conxuntados pero é o primeiro partido da tempada e pode pasar calquera cousa", defende Ramos, sobre todo porque "eles teñen bos futbolistas, son un equipo complicado, é na súa casa, ficharon ben e ten a columna vertebral do ano pasado con Joselu como estandarte", destacou.
Jesús Ramos: "Conseguir bos puntos e ter boas sensacións as primeiras xornadas vai ser súper importante"
A pesar das precaucións Jesús Ramos confía en "traer os tres puntos", consciente da importancia que nunha competición tan curta como a deste ano terá cada vitoria, aínda que defende que "non por perder vai ser algo caótico". De todos os xeitos "conseguir bos puntos e ter boas sensacións as primeiras xornadas vai ser súper importante", destaca o preparador granate.
En canto ao partido fronte aos ferroláns, espera un choque "moi competido, de ti a ti, como o do Deportivo no que calquera erro pódenos penalizar", por iso "o que acerte nos cambios creo que a balanza se vai a decantar a través diso", prognostica.
Un derbi galego de altos voos que os afeccionados do Pontevedra non poderán seguir desde o estadio da Malata, debido á limitación de acceso debido á situación sanitaria, pero que será retransmitido en directo pola segunda canle da Televisión de Galicia.