Unionistas, próximo rival do Pontevedra en liga, cae en Copa Federación na prórroga tras unha longa viaxe a Melilla
Por Redacción
No fútbol, e máis nunha competición tan igualada como a actual Segunda B, cada detalle pode resultar decisivo á hora de decidir un partido, e nese aspecto o Pontevedra partirá o vindeiro domingo (17.00 horas) en Pasarón cunha lixeira vantaxe con respecto ao seu rival, Unionistas de Salamanca.
Trátase do cansazo, e é que o cadro salmantino afrontou este mércores unha nova eliminatoria da Copa Federación, e fíxoo cun longo desprazamento a Melilla.
Aínda por riba o resultado foi de derrota na quenda de penaltis, tras 90 minutos de esforzo e outros 30 de tempo extra, deixándolles sen o buscado premio de clasificarse para a Copa do Rey.
Unionistas viaxou ata Melilla con 16 xogadores e un só porteiro, ao estar o seu outro gardameta sancionado. A pesar diso, e fronte a un rival confeccionado para loitar polos postos de honra na liga, adiantáronse aos 4 minutos de xogo. Empatou pouco despois Youssef, ex do Coruxo, pero Unionistas volveu tomar vantaxe pasada a media hora de xogo.
Antes do descanso o cadro local poñía o empate a 2, unha igualada que xa non se movería en todo o segundo período e tampouco no tempo extra. Xa nos penaltis, os salmantinos só anotaron un lanzamento confirmando a súa eliminación.
Un duro castigo recoñecido tras o encontro polo seu propio adestrador, Hernán Pérez, sinalando que a eliminación se produce "pagando un esfuerzo enorme". Segundo o técnico "nosotros veníamos aquí a pasar. Pero bueno, al quedar eliminados, valía más haberse ahorrado la prórroga", explicou pensando xa na súa inminente visita a Pontevedra.
Relacionadas:
-
As altas de novos socios no Pontevedra, a partir do luns 26
Por Redacción |
-
Romay ve o Pontevedra "moi reforzado" tras gañar en Ferrol e coa intención de "aproveitalo agora na casa"
Por Diego Espiño |
-
Tres puntos para comezar. Un sólido Pontevedra inicia a liga cunha traballada vitoria en Ferrol
Por Raúl Salgado |