O Salamanca CF despide ao seu adestrador despois da derrota en Pasarón
Por Redacción
O Salamanca CF despediu ao seu adestrador, Sergio Egea, apenas unhas horas despois da finalización do partido entre o conxunto charro e o Pontevedra que se saldou cunha épica vitoria local despois de 90 minutos nos que os salmantinos destacaron máis pola súa excesiva agresividade que polo seu xogo, pois non chegaron a disparar nin unha soa vez entre os tres paus.
O comunicado oficial do club a través do que fixeron pública a destitución do técnico recolle que "Sergio Egea no seguirá al frente del primer equipo. Tras la derrota de este domingo en Pontevedra ambas partes decidieron que lo mejor es que no continuara como máximo responsable del equipo". No mesmo documento agradecen a "profesionalidad" do preparador e deséxanlle "el mayor de los éxitos en proyectos futuros".
Como recolle o medio local, Salamanca24horas, os resultados, con só unha vitoria en cinco partidos, non acompañaron pero a imaxe do equipo tampouco estaba a ser boa e as críticas da afección estaban a centrarse xa na discutida figura de Egea. O preparador arxentino xa tiña asumido que o seu posto estaba no aire tras a derrota cando afirmou na sala de prensa de Pasarón que "os proxectos están en resultados, hai moitas urxencias e é unha liga curta. Por tanto, o adestrador sempre está en dúbida", auguraba o adestrador horas antes de ser destituído.