O exgranate Miki: "O Pontevedra é o mellor equipo, ben traballado e saben o que fan. É a diferenza co Dépor"
Por Manu Otero
O Pontevedra reencontrarase este sábado no estadio Verónica Boquete de San Lázaro cun vello coñecido. Miguel Villar, Miki, vestiu a elástica granate durante dúas tempadas. Recentemente terminada a súa formación como xuvenil, fixo un máster futbolístico ás ordes de Luisito. Gozou de poucos minutos, pero deixou un bo recordo en Pasarón e el tamén recoñece que o seu paso por ese vestiario lle serviu para "aprender moitísimo, sobre todo mentalmente".
Este sábado veranse as caras por primeira vez desde que abandonou o feudo lerezano. "Custoume moitísimo xogar. Era o meu primeiro ano de sénior e estiven con Luisito, que é un máster para o xogador. Quedo con todo a aprendizaxe desa etapa na que fixemos un ano de playoff. Foi moi bonito e estiven rodeado de xente espectacular", lembra o extremo o seu paso por Pontevedra.
A admiración polo conxunto granate, co que só participou en doce partidos de liga, todos eles de suplente salvo un; aínda a mantén. "Creo que é o mellor rival ata a data. Cando xogamos no Vero Boquete vin un auténtico equipazo, ben traballado e que sabían o que facían. É a principal diferenza con respecto ao Deportivo. Creo que a día de hoxe é o mellor equipo da liga", recoñece Miki facendo referencia ao partido de pretemporada disputado entre ambos os conxuntos.
O que máis lle preocupa ao extremo de Nigrán do seu rival do sábado é a calidade da súa dianteira. "Teñen xente como Charles e Rufo que marcan a diferenza", subliña, antes de engadir que "teñen bos xogadores en todas as liñas, ademais xogan moi directo e é algo que nos pode facer dano. Co nivel que teñen preocúpanos todo", confesa.
Na rolda de prensa previa ao encontro, Miki quixo destacar tamén o bo papel que está a facer o Compostela neste inicio de liga. "O que estamos a facer ten moito mérito porque estamos a manter a nosa identidade xogando ao fútbol. Demos moito a cara e en moitos partidos fomos mellores que o rival. Estamos satisfeitos", afirma.
"Somos conscientes de que acabamos de ascender, de que houbo poucas fichaxes e de que o nivel da liga é superior ao do ano pasado", sinala o atacante, que se lamenta de non ter algún punto máis na marcadora, sobre todo nos partidos contra o Deportivo ou o Coruxo que se saldaron con senllos empates sen goles.
Neste sentido, Miki móstrase despreocupado pola falta de gol do seu equipo. "Sabemos da calidade da xente de ataque. O ano pasado marcamos moitísimos goles, sobre todo Brais e Primo. Non nos preocupa moito iso", gabia confiado en despexar todas as dúbidas contra a súa exequipo, do que se foi sen anotar ningún gol en liga.