A Deputación aproba unha partida de máis 130.000 euros para colaborar cos clubs en actividades deportivas
Por Redacción
O goberno da Deputación vén de aprobar a concesión de axudas por valor de 132.235 euros da que se beneficiarán 83 entidades da provincia co obxectivo de impulsar actividades deportivas.
Estas subvencións, en concorrencia competitiva, distribúense entre asociacións de 25 concellos e permitirán organizar campionatos, eventos de relevancia deportiva ou iniciativas para dinamizar o deporte.
En total as entidades beneficiadas recibirán achegas que oscilan entre os 4.000 euros de contía máxima e os 500 euros de mínima. As 83 asociacións pertencen aos municipios de Cambados, Cangas, A Estrada, Fornelos, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Marín, Moaña, Mondariz, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Ponteareas, Pontevedra, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Entre os clubs e asociacións que recibirán esta subvención atópanse a Agrupación Deportiva Cortegada, Atletismo Rías Baixas, Baloncesto Estudiantes, Club Boa Vila de Tiro con Arco, Club Deportivo Escola Hungaresa de Esgrima, Club de Tiro Río Lérez, Club Galaico Sincro, EP Ciudad de Pontevedra, Club del Mar Bueu, Ancorad´Ouro FS, O Fisfón, Real Club de Mar de Aguete, Club de Remos Mecos, Club Deporitvo Ría de Arousa, Club Náutico de Portonovo, Portonovo SD, ADC Vilagarcía Esgrima, Club de Ximnasia Rítmica de Arousa ou o Club Náutico O Muiño, entre outros.