As xogadoras do Pontevedra Rugby Club, en corentena por un positivo por Covid no seu último rival
Por Diego Espiño
A Federación Española de Rugby aceptou o aprazamento do próximo partido do Pontevedra Rugby Club (PRC) na División de Honra B Feminina, que debía disputarse o domingo 24 de xaneiro no campo do Sant Cugat catalán, tras a petición do equipo pontevedrés.
O motivo é que o plantel e o corpo técnico do PRC atópanse en corentena tras coñecer o pasado luns 18 o positivo por Covid dunha das xogadoras do seu último rival en liga, o G.E. i E. G. de Xirona.
"Segundo o protocolo establecido pola Dirección Xeral de Saúde Pública, ao ser consideradas como contactos estreitos da persoa diagnosticada por Covid-19, as 23 xogadoras así como o staff técnico que as acompañou deberán permanecer en corentena ata o día 27 de xaneiro", explica a entidade deportiva.
Por fortuna, segundo confirma o Pontevedra Rugby Club, "ningunha das persoas en illamento presentou síntomas compatibles coa Covid".
A pesar desa ausencia de sintomatoloxía as xogadoras foron citadas polo Sergas para realizar ao longo deste xoves probas PCR que descarten o seu contaxio.