Dobre representación do Galaico no Campionato de España de Natación de Longa Distancia
Por Redacción
Coa práctica totalidade da súa actividade paralizada polas medidas restritivas para a contención da covid, o Club Natación Galaico gozou dun pequeno 'oasis' competitivo coa participación de dous dos seus nadadores no Campionato de España de Longa Distancia en Piscina.
Ata a localidade catalá de San Cugat desprazáronse dous dos deportistas do club pontevedrés, Alicia Bouzas e Cristian Fernández, autorizados a tratarse dun evento de ámbito nacional.
Aínda que as súas marcas non lle valeron para pelexar polas medallas, si puideron polo menos sumar tempo de competición nunha tempada con poucas oportunidades para iso.
En concreto Alicia finalizou no noveno posto os 5.000 metros de categoría Júnior 1, cun tempo de 1:02:16.34. Nesa mesma proba Paula Otero (CN Arteixo), bolseira no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, proclamouse campioa de España establecendo a mellor marca nacional de 17 anos cun rexistro de 58:20.88.
Pola súa banda Cristian Fernández acabou no oitavo lugar nos 5.000 metros sénior, cunha marca de 57:59.65.