A calculadora do Pontevedra bota fume. Isto é o que lle espera se non logra meterse entre os seis primeiros
Por Diego Espiño
A derrota do Pontevedra Club de Fútbol este domingo en Riazor profundou nunha ferida aberta que ameaza con desangrarse se non se lle pon freo nos dous partidos que restan para terminar a primeira fase da liga e posteriormente na segunda metade da tempada.
Sétimos a 5 puntos dos tres equipos que xogarían por entrar no pelotón intermedio (4º a 6º) e con máis nada que 6 puntos en xogo, só un milagre permitiría aos granates pasar o corte entre eses seis primeiros postos que pelexarán por unha praza a próxima campaña na Primeira RFEF.
Certo é que as matemáticas deixan aínda aberta esa vía, cun cálculo sinxelo, habería que gañar os dous partidos que restan ata o final da primeira fase fronte a Coruxo e Guijuelo e esperar a que Compostela, Racing de Ferrol ou Deportivo perdan todo. Con que un deles o faga, bastaría e sería todo un balón de osíxeno.
Con todo ese escenario sitúase no apartado de pouco probable, xa que todo apunta a ter que pelexar na liguiña pola permanencia, o que xa de seu é un descenso de categoría ante a reestruturación prevista. O Pontevedra caería á cuarta categoría nacional e baixo os seus pés asomaría o abismo de caer á Terceira, toda unha catástrofe xa que supoñería quedar na quinta categoría, algo que non sucedeu en toda a súa historia.
A loita pola permanencia na Segunda B ou o que será a nova Segunda RFEF tampouco será sinxela, e de feito cos puntos actuais os granates estarían ao bordo do descenso directo. Na mesma xogarán 8 equipos, os catro últimos do Subgrupo 1-A e Subgrupo 1- B. Deles cinco caerán a Terceira ademais do peor sexto entre todos os grupos que teña peor coeficiente.
Se esa fase pola permanencia comezase esta semana, os equipos que se salvarían da queima serían o Oviedo B con 21 puntos e o Lealtad con 20, mentres que o Pontevedra estaría no posto dese sexto equipo pendente dos coeficientes, con 18 puntos. Claro que iso cambiaría se o Coruxo vence no seu partido aprazado, xa que con 17 que ten agora mesmo adiantaríalle e colocaríalle en descenso directo. Detrás aparecen tamén o Sporting B e o Salamanca CF UDS con 15 puntos cada un, o Covadonga con 11 puntos e o Guijuelo con 9.
Nesta liguiña, na que contan os puntos alcanzados durante a primeira fase, os pontevedreses só se enfrontarían aos rivais do outro subgrupo, a dobre volta.
Relacionadas:
-
O Coruxo vence o Racing, dispara as opcións do Pontevedra para ser sexto e aperta a fase pola permanencia
Por Manu Otero |
-
Bocanada de aire para o Pontevedra cunha reparadora goleada fronte ao Coruxo (3-0)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Un Coruxo "nunha dinámica moi boa" ameaza o Pontevedra nun partido para sobrevivir
Por Diego Espiño |
-
Luisito, partido a partido: "Pensar máis aló do domingo é confundirse"
Por Diego Espiño |
-
Derrota en Riazor dun impotente Pontevedra que se ve abocado a loitar pola permanencia (1-0)
Por Diego Espiño |