Bocanada de aire para o Pontevedra cunha reparadora goleada fronte ao Coruxo (3-0)
Por Diego Espiño & Cristina Saiz
Importantísima vitoria a conseguida este domingo polo Pontevedra Club de Fútbol, na visita do Coruxo ao Estadio Municipal de Pasarón. Aínda que os resultados dos rivais rebaixaron ao mínimo as opcións de chegar ao sexto posto, os tres puntos antóllanse vitais para a segunda fase da tempada, sobre todo acaban loitando na fase pola permanencia ao ser o cadro vigués un rival directo que lle adiantaría na clasificación.
Dicía Luisito na previa que non había que pensar noutros campos e en carambolas, só en sacar os tres puntos nun duelo vital, e baseándose nesa idea saíron a morder os granates, atopando recompensa ao primeiro de vez. Rufo escenificou esa intensidade roubando a carteira no saque de centro ao Coruxo e forzando un córner nun dicir amén. Sacou Oier desde a dereita o saque de esquina, non conseguiu rematar Xisco e tras un rebote o balón quedou morto aos pés de Imanol, que non desaproveitou a ocasión para bater a Alberto con só 45 segundos de partido.
Tantas veces esta tempada parecía que os pontevedreses saían xa en desvantaxe, e nesta ocasión golpeaban no seu primeiro intento descargando unha enorme mochila de presión.
O técnico volvera ao tradicional 4-4-2 con dobre pivote, e ben posicionado o equipo dificultaba moito a saída de balón dos vigueses, aos que lle custaba comezar as xogadas. Os granates roubaban, gañaban segundos balóns e saían en velocidade polas bandas poñendo en moitos apuros ao seu rival, aínda que sen chegar a concretar remates en accións prometedoras.
Non foi ata o minuto 17 cando os de Míchel Alonso comezaron a espertar. Chabboura gañoulle a partida a un desacertado Churre sobre a liña de fondo servindo en bandexa ao momento de penalti para Jonathan Vila, pero o centrocampista con todo a favor cruzou demasiado.
Foi un aviso serio, e a partir de aí o Coruxo empezou a crecer no partido, facéndose dono da posesión e empezando a conectar entre liñas. Afortundamente para o Pontevedra, non era o día de Chabboura en ataque, e é que o ariete coruxista probou a Álvaro Cortés no 17 e no 32 volveu gozar doutra moi clara, desaproveitando un gran envío de Aarón Piñán desde o costado esquerdo ao conectar de maneira deficiente co esférico.
Era o mellor momento do conxunto visitante, empezando a crerse que podía empatar, e con todo o que chegou foi o 2-0. Corría o minuto 37 e Álex González arrincaba a súa moto polo carril do 7, tras un servizo en profundidade. O extremo recortou cara ao interior e viu o desmaque de Rufo, que iniciara a xogada gañando un balón de costas no centro do campo e que cruzou con solvencia ante a saída de Alberto para marcar. Unha auténtica bocanada de aire para os de Luisito antes do descanso.
Puido ser mesmo mellor a situación para o Pontevedra ao comezo do segundo tempo. Aínda que o Coruxo tentou retomar a iniciativa na continuación, o primeiro que chegou foi un penalti para os granates, no minuto 52. Charles buscou o rexeite de Alberto tras un comprometido disparo de Rufo e Andriu derrubáballe. De súpeto abríase a posibilidade de igualar o resultado da ida e por tanto o average, que pode resultar decisivo no caso de loitar finalmente pola permanencia. O lanzamento de Charles con todo topouse co traveseiro, deixando o marcador tal e como estaba.
Moveu nese momento Míchel Alonso o banco buscando menear un pouco a árbore para meterse no partido, aínda que lonxe de facerse dono do xogo todo empezou a romper e a parecerse a un correrrúas. Viuno tamén Luisito, que reacionou dando aire ao seu centro do campo dando entrada primeiro a Borja Martínez e pouco despois a Damià. Conviña baixar revolucións e gañar en estabilidade, situando un home máis na medular e tirando a Charles a banda. O movemento chegou xusto despois dunha gran ocasión de Antón de Vicente para os vigueses e mellor resposta de Álvaro Cortés, lucíndose baixo paus no seu segundo partido de liga como titular.
O preparador local conseguiu o seu obxectivo, baixando o duelo en intensidade e facilitando a defensa do resultado, sen renunciar a un terceiro tanto. Así foron avanzando os minutos, coa impotencia dun Coruxo que non baixou os brazos pero que non volveu inquietar.
O que se chegou foi, xa no desconto, a sentenza granate. Óscar Fernández cazou un centro de Álex, recortou e enviou o coiro ao fondo da portería. Un premio e tamén un punto extra ao supoñer igualar o average e contar con mellores números totais que o seu rival.
O triunfo coloca ao Pontevedra con 21 puntos, a dous do sexto debido a que ocupa un Racing de Ferrol que tería que perder os seus tres partidos (dous aprazados) para perder a súa posición. O importante non obstante era recuperar sensacións e impulso nunha tempada que aínda hai que pelexar, máis aló dunha primeira fase que chegará ao seu fin en Guijuelo.
PONTEVEDRA CF (3): Álvaro Cortés, Aitor Núñez, Churre, Xisco Campos, Eneko Zabaleta (Pol Bueso, min.85), Imanol García, Adrián Cruz (Borja Martínez, min.66), Álex González, Oier Calvillo (Damià Sabater, min.70), Charles (Óscar Fernández, min.85), Rufo.
CORUXO FC (0): Alberto, Mangana (Borja Yebra, min.73), Andriu, Pablo Crespo, Aitor Aspas, Antón de Vicente, Jonathan Vila (Rivera, min.55), Pedro Vázquez (Álex Ares, min.55), Aarón Piñán, Mateo Míguez (Esteban, min.80), Chabboura.
Árbitro: Leandro Carbajales Gómez (Asturias), auxiliado nas bandas por Daniel Novoa Hernández e Claudio Fernández García. Amoestou a Churre, Imanol, Rufo e Oier no Pontevedra e a Chabboura, Andriu e Mateo no Coruxo. Expulsou a un dos membros do corpo técnico visitante.
Goles: 1-0 Imanol García, min.1; 2-0 Rufo, min.39; 3-0 Óscar Fernández, min.92.
Incidencias: Partido da xornada 17 no Subgrupo 1-A da Segunda División B disputado no Estadio Municipal de Pasarón de Pontevedra ante 500 espectadores, o máximo permitido coas actuais restricións.
Relacionadas:
-
O fútbol profesional, un chanzo máis lonxe para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Luisito recoñece que o Pontevedra ten "menos puntos dos que mereceu" e só pensa en "traballar e ser fortes mentalmente"
Por Almu Dapena |
-
O Coruxo vence o Racing, dispara as opcións do Pontevedra para ser sexto e aperta a fase pola permanencia
Por Manu Otero |
-
Rufo asume a loita pola permanencia e márcase acabar primeiros na seguinte fase como obxectivo
Por Manu Otero |
-
A pantasma do descenso, un pouco máis lonxe
Por Diego Espiño |
-
Aprazada ao 28 de marzo a última xornada da Segunda B no grupo 1-A
Por Diego Espiño |
-
Un Coruxo "nunha dinámica moi boa" ameaza o Pontevedra nun partido para sobrevivir
Por Diego Espiño |
-
Luisito, partido a partido: "Pensar máis aló do domingo é confundirse"
Por Diego Espiño |
-
A calculadora do Pontevedra bota fume. Isto é o que lle espera se non logra meterse entre os seis primeiros
Por Diego Espiño |
-
Derrota en Riazor dun impotente Pontevedra que se ve abocado a loitar pola permanencia (1-0)
Por Diego Espiño |