O Covadonga, un equipo de barrio e debutante na Segunda B que quere agarrarse á categoría
Por Diego Espiño
"Desde 1979 crecendo cos pés no barrio", así reza o encabezado das redes sociais do Club Deportivo Covadonga, primeiro rival do Pontevedra Club de Fútbol na fase pola permanencia, nunha frase que non pode definir mellor a súa filosofía de vida.
Será un encontro histórico, xa que por primeira vez veranse as caras ambos os dous clubs, non en balde proceden de dous mundos totalmente opostos. Mentres os granates contan cunha historia de peso e infraestrutura ás súas costas e soñan con volver máis pronto que tarse ao fútbol profesional, o Covadonga é un deses representantes do fútbol máis modesto que de cando en vez chegan a relacionarse con históricos do balompé nacional.
Arraigados nun barrio da cidade de Oviedo, o barrio dos Teatinos, o conxunto ovetense vive esta campaña a súa estrea na Segunda División B. Antes acumularan 16 anos en Terceira, con só tres play-off de ascenso. No último, tras a irrupción da pandemia, conseguiu o salto de categoría ao ser terceiro na liga regular e eliminar en semifinais e final á UD Llarena e ao Caudal Deportivo, respectivamente.
Non foi en todo caso un debut sinxelo na categoría de bronce, pero afrontan con ilusión a segunda fase da tempada coa intención de agarrarse ás súas opcións de estar a próxima campaña na Segunda RFEF.
Pouca marxe para o erro terán, e é que é o segundo equipo que avanza con menor puntuación, 14 puntos, despois dun primeiro tramo de liga no que lle custou aclimatarse á Segunda B. Non conseguiron sumar os seus primeiros puntos ata o seu quinto encontro, e salvo na primeira xornada non lograron pasar máis aló do oitavo posto do seu subgrupo, caendo ao décimo e último a partir da xornada 11.
As súas catro vitorias no que vai de curso conseguíronas no seu estadio, o Juan Antonio Alvarez Rabanal da cidade de Oviedo, unha instalación de céspede artificial, baixando notablemente o seu rendemento a domicilio, onde só sumou dous puntos con senllos empates ante o Sporting B e contra o líder Burgos, equipo con pé e medio na fase de ascenso a Segunda. Todo un aviso este último exemplo para o Pontevedra, como o é o seu triunfo na penúltima xornada ante a Cultural Leonesa.
Aínda que mantendo a boa parte do seu plantel e adestrado por técnico que lles levou ao ascenso, Fermín Álvarez, o equipo ovetense reforzouse con algunhas incorporacións como o dianteiro Javi Martón, procedente da canteira da Real Sociedad e que se colocou como o seu pichichi con 8 tantos. A nivel colectivo anotaron 21 goles na primeira fase (o Pontevedra conseguiu menos, 19) e encaixou 37, sendo precisamente a faceta defensiva o seu maior debe.
Relacionadas:
-
Álex González ve "primordial" empezar ben a segunda fase pero avisa: "Só cos puntos de Pasarón non serve"
Por Diego Espiño |
-
As tarxetas amarelas, unha ameaza para o Pontevedra no inicio da segunda fase
Por Diego Espiño |
-
Covadonga, primeiro rival do Pontevedra na fase pola permanencia
Por Diego Espiño |
-
Derrota ante o pechacancelas Guijuelo dun Pontevedra que se complica a vida pola permanencia (2-1)
Por Diego Espiño |