O horario matinal volve cruzarse co Pontevedra
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol contará a próxima fin de semana, na segunda xornada da fase pola permanencia na Segunda RFEF, cun inimigo extra que historicamente se lles atragoa, o horario matinal.
Por causas moitas veces inexplicables aos granates custoulles máis do esperado na súa historia recente gañar cando os partidos se celebraban ao mediodía en lugar de en horario de tarde. De feito esta campaña contan por derrotas, e dolorosas, as súas dous únicos partidos matinais, o primeiro en Coruxo (3-0) e máis recentemente na casa dun Guijuelo que parecía desafiuzado (2-1).
O pasado curso, antes da suspensión, os pontevedreses parecían superar esta circunstancia co seu triunfo ante o Getafe B e un empate contra o Atlético B. Chegaron a sumar 4 triunfos a domicilio xogando pola mañá dos 10 partidos disputados, aínda que entre as súas 5 derrotas houbo tropezos soados como a goleada no feudo do entón pechacancelas San Sebastián de los Reyes, ademais de verse superado tamén en Asturias polo seu próximo rival, o Sporting B.
En canto á xornada contra o filial xixonés, fixouse para o vindeiro domingo 11 de abril ás 12.00 horas.
O cadro branquivermello chegará á cita con 17 puntos tras o seu empate en Coruxo, a 7 dun Pontevedra que é colíder do grupo con 24 e ao que unha vitoria a domicilio pode supoñerlle un importante empuxón para afastarse dos postos de descenso, agora a só 3 puntos de distancia.