Rufo lesiónase e o Pontevedra queda sen dianteiros para recibir o Lealtad
Por Manu Otero
Malas novas para o Pontevedra. O máximo goleador do equipo, Rufo, non se puido adestrar este xoves por un problema no cuádriceps dunha das súas pernas e é seria dúbida para o enfrontamento do domingo en Pasarón contra o Lealtad. O ariete xa xogou con molestias o último partido, esta semana adestrou a menor ritmo pero este xoves as súas dores impedíronlle traballar co grupo. Esta ausencia, unida á de Charles por sanción, fai que Luisito se plantexe un cambio de sistema e mesmo xogar sen dianteiro o próximo encontro.
"Ao faltar charles e Rufo teño que darlle moitas voltas", dixo sobre a solución a este contratempo. "É un problema que terei que liquidar, romperei a cabeza en pensar como imos atacar e poñer aos futbolistas que se adapten mellor ao noso xogo", engadiu o técnico de Teo, quen pensa que "posiblemente terei que cambiar de sistema".
Aínda así, o Pontevedra esperará ata o último momento polo seu principal artilleiro. "Non se se imos arriscar, dependerá do médico e as sensacións del. Se el di que está para xogar, vai xogar. Pero á mínima dúbida, non. Téñoo claro porque faltan cinco partidos máis", sostén o preparador.
Se finalmente o dianteiro madrileño queda fóra da convocatoria, terá que improvisar Luisito unha aliñación inédita sen Rufo nin Charles. Martín Diz, que xa xogou como dianteiro tanto con Jesús como co actual adestrador, preséntase como a opción máis lóxica. Con todo, o de Teo podería optar por colocar nese posto a outros xogadores como Oier Calvillo, Óscar ou Pitu.
Tampouco pecha a porta Luisito a renunciar á figura do nove para situar a un centrocampista en posicións máis adiantadas. Un movemento que complicaría a vida á férrea defensa asturiana, que ao perder as obrigadas referencias na marcaxe de dúas dos dianteiros máis temidos da categoría podería xerar gretas e espazos que aproveitaría o Pontevedra con chegadas desde a segunda liña.