Primeira derrota do curso para o Pontevedra Rugby Club, no 'semiderbi' contra o Vigo Rugby Club
Por Redacción & Cristina Saiz
O rugby volveu ao campo municipal de Monte Porreiro tras a activación das ligas autonómicas, aínda que o fixo cunha dura derrota para o Pontevedra Rugby Club (PRC).
O conxunto pontevedrés recibía na terceira xornada da Liga Galega, na que quedou encadrado no grupo sur, a un Universidade de Vigo que renunciou á súa participación en categoría nacional.
Antes, na primeira xornada o PRC descansara e na segunda conseguira un apurada pero importante vitoria no campo de Os Ingleses de Vilagarcía.
Nesta ocasión o Universidade de Vigo non deu opción á sorpresa no 'semiderbi', un encontro con certo aroma de rivalidade sa pola presenza nos visitantes de varios xogadores do Mareantes, que este ano non inscribiu equipo.
A igualdade mantívose durante os primeiros 10 minutos, pero a partir do primeiro ensaio a contenda foise decantando máis e máis en favor do Universidade ata o 0-64 final.
O próximo partido de liga do Pontevedra Rugby Club farase de rogar ata o 15 de maio, cando recibirán en Monte Porreiro a Os Ingleses.