A piragua, protagonista da fin de semana co Nacional de Maratón e a liga de kaiak-polo
Por Diego Espiño
Intensa fin de semana de piragüismo o que ten por diante Pontevedra, convertida este ano na capital nacional deste deporte. Non en balde na cidade do Lérez disputaranse varios campionatos nacionais.
O primeiro deles recalará o sábado 8 e domingo 9 de maio precisamente no río Lérez, no seu tramo urbano, co Campionato de España de Maratón.
A cita reunirá a nada menos que 670 padexeiros de 88 clubs, nunha cita que "é clasificatoria para o Campionato de Europa, polo que estarán os mellores de España", confirmou na presentación do evento o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea.
Para garantir a seguridade dos participantes e resto de asistentes elaborouse un estrito protocolo que inclúe que "todos os participantes de fóra de Galicia teñen que facer un test de antíxenos 72 horas antes", sinala o presidente federativo.
A competición dará comezo ás 9.00 horas do sábado e prolongarase coas probas individuais nas diferentes categorías e en distancias acordes ás mesmas, ata os 26.200 metros que percorrerán os deportistas sénior tanto en kaiak como na canoa. O sábado pola tarde disputaranse ademais as probas restantes de embarcacións individuais e as dobres en idade cadete.
En canto ao domingo, só de mañá, terán lugar as distancias xuvenil e sénior en embarcacións dobres.
"Temos que agradecer á Federación Galega o esforzo que fai por traer a Pontevedra eventos de nivel", sinalou tamén na presentación do campionato o concelleiro de Deportes, Tino Fernández.
A fin de semana completarase ademais co segundo torneo da Liga Nacional de Kaiak-Polo de Primeira División, que terá como escenario o Complexo Deportivo David Cal no encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, tamén durante o sábado 8 e o domingo 9 de maio.
"Esperamos que sexa un gran evento", sinalou Alfredo Bea sobre unha competición que reunirá a 17 equipos e que supoñerá a instalación de tres campos de xogo.
Relacionadas:
-
A Escola Marítima Combarro brilla no torneo da liga nacional de kaiak-polo celebrado no Pontillón do Castro
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
O piragüismo pontevedrés triunfa no Campionato de España de Maratón
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Primeiro posto para Tono Campos e Jenifer Casal no Nacional de Maratón celebrado en Pontevedra
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Operativo de tráfico polo Campionato de España de Piragüismo
Por Redacción |
-
Pontevedra postúlase como sede do Campionato de España de Piragüismo Maratón
Por Diego Espiño |
-
O Pontillón do Castro mantense en 2021 como sede do Campionato de España Sprint Olímpico de Piragüismo
Por Diego Espiño |