As instalacións deportivas municipais tamén abren "ao longo desta semana" ás idades prebenxamín e biberón
Por Redacción
A quinta fase de desescalada no protocolo de uso das instalacións deportivas municipais de Pontevedra permitirá a volta á actividade das categorías prebenxamín e biberón, ademais da benxamín anunciada hai escasos días.
Así o confirmou este luns o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, sinalando que a reapertura producirase "ao longo desta semana".
O edil avanza que comunicará esta decisión aos clubs para que poidan dispoñer das instalacións municipais para os seus adestramentos e partidos en todas as súas categorías, algo que ata o de agora era imposible ao estar limitadas a outras franxas de idade, desde alevín ata sénior.
Fernández incidiu de novo en que "as condicións de adestramento e competición dos mozos terán que adaptarse en todo caso ás restricións pautadas pola Xunta", defendendo a progresividade na apertura como "esencial para que o reinicio da actividade se desenvolvese cun estrito cumprimento da normativa, co obxectivo de compatibilizar o uso das instalacións coas medidas de loita contra a pandemia".