A Pontevedra 4 Picos Road 'Clásica Evaristo Portela' cambia de percorrido para a súa edición de 2021
Por Redacción
Despois de sufrir un dobre aprazamento en 2020 debido á pandemia, a Pontevedra 4 Picos Road 'Clásica Evaristo Portela' está lista para volver á acción.
Se nada o impide a marcha cicloturista terá lugar o próximo 20 de xuño, cunha edición preparada a conciencia pola organización e que traerá consigo como principal novidade un cambio no seu percorrido.
O novo roteiro contará con 123 quilómetros comezado coa subida ao Pastizal por Xeve, pasando por Amil e Moraña para seguir despois subindo a Campolameiro por Fentáns. Aquí estará un dos tramos máis especiais do percorrido, o coñecido como 'Sacacorchos''. Desde aí os ciclistas seguirán completando quilómetros subindo a Carballedo por Cuspedriños, alcanzarán Ponte Caldelas desde Aguasantas e chegarán a Pontevedra polo polígono do Campiño.
Será o momento, aos 93 quilómetros, nos que finalizarán os deportistas que elixan completar 3 Picos, mentres que os demais continuarán cara ao Lago de Castiñeiras subindo por San Xulián para regresar por última vez á cidade de Lérez pasando por Marín.
Ademais do propio Evaristo Portela, está prevista a participación na 'Clásica' de amigos e compañeiros como Óscar Pereiro e Álvaro Piñeiro, ademais do director da Volta Ciclista a España, Javier Guillén.
A cinco días do peche de inscricións confirmaron a súa participación na marcha cicloturista 400 deportistas.