O alumnado de 15 centros educativos da provincia aprende a navegar sobre un dragón
Por Redacción
As instalacións deportivas do Pontillón do Castro foron escenario dunha divertida xornada deportiva escolar, enmarcada no programa Xogade da Xunta, que consistiu na práctica de piragüismo, na modalidade de dragón, para os estudantes de 15 centros educativos de toda a provincia.
Para boa parte do alumnado, preto dun milleiro de mozos repartidos en sete xornadas, era a súa primeira experiencia a bordo dunha embarcación deste tipo e a xornada non puido ser máis divertida e enriquecedora.
Antes de iniciar a actividade, o profesorado de Educación Física destes centros cursou unha formación específica onde recibiron os coñecementos teórico-prácticos para achegar ao seu alumnado os fundamentos básicos desta modalidade deportiva e así poder participar con garantías e seguridade na actividade levada a cabo en Verducido.
Unha vez no Complexo Deportivo David Cal, os participantes gozaron dunha visita ás instalacións deportivas, unha charla teórica relacionada co deporte do piragüismo e da modalidade de dragón, e como non, unha experiencia práctica de navegación cos seus compañeiros e compañeiras de aula.
Os centros participantes na actividade foron: IES Monte da Vila (O Grove), IES de Poio, CEIP Valle-Inclán (O Grove), CEIP Parada Campañó (Pontevedra), CEIP Plurilingüe A Reigosa (Pontecaldelas), IES San Paio (Tui), CPR San José (Pontevedra), CPI Toural (Vilaboa), CEIP Enrique Barreiro Piñeiro (Cambados), CEIP Alexandre Bóveda (Redondela), CEIP As Covas (Meaño), CEIP Viñagrande (Deiro), CEIP Cabanas (Pontevedra), CEIP Froebel (Pontevedra), CEIP Antonio Palacios (O Porriño).